Poesía no Cañada con Yolanda Castaño

Yolanda Castaño está de xira polo Reino Unido e unha das súas paradas foi o Cañada Blanch. Que luxo para o alumnado de galego da escola poderse achegar á poesía con ela! 🌍 Falounos da internacionalización da literatura galega -ela, unha das poetas máis internacionais que temos-, 📝 creamos xuntos un poema colectivo 🗣️ e, o máis emocionante, escoitámola recitar.
Yolanda é unha magnífica poeta, con numerosas publicacións en moitos idiomas, e ademais unha activa xestora cultural. Dirixe festivais, obradoiros literarios, ciclos poéticos como «Poetas Di(n)versos» , que axunta os máis prestixiosos autores internacionais, etc. Amais diso, é ben coñecida pola xeneralidade dos galegos por mor do seu paso polo emblemático espazo da TVG «Cifras e letras».

Convidámosvos tamén a acompañar a Yolanda na presentación en Londres do seu primeiro libro en inglés, «Second tongue», organizada pola súa editora, Shearsman Books. Será este mércores ás 7.30pm no Swedenborg Hall, no literario barrio de Bloomsbury.

Saúdo do alumnado das Revoltas de Cabana
A finais do curso pasado os alumnos de Primaria do Cañada que estudan galego como actividade extraescolar, participaron e foron pioneiros nun fermoso proxecto, o Transporte dos desexos: puxemos os nosos mellores desexos sobre un corazón, medusa, pomba… (mirade aquí) e mandámosllelos a nenos enfermos con longos ingresos hospitalarios (mirade aquí), que os recibiron con emoción, como constatou a prensa (21Noticias.com; Crónicas de la emigración).
Agora a súa impulsora, a escritora Alejandra Plaza, vén de recompilar un álbum deste proxecto e foino presentar a Cabana de Bergantiños. Desde alí o alumnado do CPI As Revoltas, pioneiros a canda nós desta iniciativa, mándannos voando un saúdo a Londres. E nós querémolos saudar tamén desde aquí. Bicos a moreas desde Londres, amigos 💛💚💙💜💗
Aquí tedes o álbum completo.
Danza moderna no Cañada: «Emigrantas»

💃🕺 Hoxe o alumnado de galego do Cañada tivo hoxe a oportunidade de asistir á función de danza Emigrantas, unha coprodución de Kirenia Danza e do Centro Coreográfico Galego.
🧳 A peza Emigrantas representa en escena a última ola migratoria debida á crise. Na pasada década, 47.105 persoas de entre 20 e 39 anos abandonaron Galicia buscando contextos laborais máis favorables. Nesta peza báilanse datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades realicionadas sobre a emigración e o retorno da última diáspora galega.


Galego en Londres en “A vivir que son dos días”
🎙️ Hoxe saímos na Cadena SER, no programa “A Vivir que son dos días” ▶️
Dous millóns de oíntes da radio española saben xa que en Londres nun recuncho de Portobello o alumnado do cole español mantén ou aprende o galego.
¡Grazas, Javier del Pino e Daniel Sousa, por acollernos no voso programa! 💕



Tedes aquí a reportaxe completa 👇
El instituto de Londres que enseña gallego a españoles y extranjeros (aquí en pdf, aquí web, aquí audio), ‘A vivir que son dos días’ da Cadena Ser (22/02/2020)
O ‘Encontro’ con Rodrigo Costoya na prensa

Llega al Reino Unido la literatura gallega de la mano del escritor Rodrigo Costoya (aquí en pdf, aquí en papel), El Correo Gallego (31/1/2020)
Galego en Londres no España Exterior
Galego en Londres, una iniciativa que ha dado un atractivo especial al aprendizaje de la lengua gallega (en portada da edición impresa, pdf da reportaxe interior), España Exterior (28/1/2020).
Portosanto, o enigma de Colón: Encontro con Rodrigo Costoya
Hoxe recibimos no Cañada o escritor Rodrigo Costoya, que nos falou do enigma histórico arredor do que xira a súa novela “Portosanto“.
🧐 Por que os textos que escribiu Cristovo Colón teñen claros xiros galego-portugueses e nunca xenoveses ou italianos? 🧐 Por que Pontevedra é o único lugar do mundo onde existe o apelido Colón? 🧐 Por que na nosa tradición oral se sostén que o descubridor de América nacera en Portosanto? 🧐 Por que Colón lle puxo a moitos lugares das Antillas nomes da ría de Pontevedra? 🧐 Por que orixinariamente a nao Santa María se coñecía co nome de La Gallega? 🤔 A ver se é que Colón era galego!
Sexa certo ou non, o certo é que pasamos un bo anaco escoitando as historias que nos contou Rodrigo e conversando con el, e espertounos ganas de ler a súa novela.
Gala dos Premios da Cultura Galega
Premio da Cultura Galega en Proxección Exterior para Galego en Londres Begoña González recolle o premio de Galego en Londres ( 📷 José Lores, FDV) Un fermoso mural de Lula Goce ( 📷 Miguel Núñez) Discurso de agradecemento de Begoña González Rei Foto de grupo de todos os PCG ( 📷 José Lores, FDV) O fermoso auditorio Afundación en Vigo ( 📷 José Lores, FDV) As Tanxugueiras amenizaron a gala ( 📷 José Lores, FDV) Discurso do presidente da Xunta de Galicia O condutor do acto foi o actor Manuel Manquiña ( 📷 José Lores, FDV) PCG en Música para Amancio Prada ( 📷 Miguel Núñez) PCG en Patrimonio para a restauración do Pórtico da Gloria PCG en Lingua para Pilar Ponte ( 📷 José Lores, FDV) PCG en Audiovisuais para a serie “O sabor das margaridas” ( 📷 Miguel Núñez) PCG en Artes Escénicas para Monicreques de Kukas ( 📷 Miguel Núñez) PCG en Artes Plásticas para Soledad Penalta ( 📷 José Lores, FDV) PCG en Letras para Xesús Alonso Montero ( 📷 Miguel Núñez) Grupo Presumido na transición entre premios ( 📷 Miguel Núñez) Moitas autoridades entre o público ( 📷 Miguel Núñez)
Os Premios da Cultura Galega no Telexornal
(TVG) Galicia premia a súa cultura en Vigo cunha homenaxe aos 40 anos da movida (aquí vídeo, aquí no FB, aquí en pdf), Informativos TVG (14/01/2010)
Os Premios da Cultura Galega nos medios
Así recolleron os medios de comunicación a concesión e entrega dos Premios da Cultura Galega a Galego en Londres:
- (TVG) Galicia premia a súa cultura en Vigo cunha homenaxe aos 40 anos da movida (aquí vídeo, aquí no FB, aquí en pdf), Informativos TVG (14/01/2010)
- Vídeo Discurso de agradecemento completo de Begoña González nos Premios da Cultura Galega (14/1/2020)
- O éxito de Galego en Londres (aquí en pdf), La Opinión (12/1/2020)
- A revolución de Galego en Londres, entrevista a Begoña González (aquí en pdf), Faro de Vigo (11/1/2020)
- A revolución de Galego en Londres, reportaxe (aquí en papel), Faro de Vigo (11/1/2020)
- (entrevista na radio) Entrevista a Begoña González: Galego en Londres, premio da Cultura Galega de proxección exterior (a partir do minuto 6) (aquí en pdf, aquí o audio), Diario Cultural da Radio Galega (1/12/2019)
- El proyecto Galego en Londres recibió el Premio da Cultura Galega (aquí en pdf), Galicia Exterior (15/1/2020)
- Premios da Cultura Galega: Feijóo aposta por unha cultura “sen sectarismos e aberta ao mundo” (aquí en papel as páx. 32 e páx 33) Faro de Vigo (15/1/2020)
- Referentes de orgullo e inspiración, (aquí en papel), portada do Faro de Vigo (15/1/2020)
- Os Premios da Cultura Galega visitan Vigo no 40º aniversario da movida (aquí en papel), La Voz de Galicia (15/1/2020)
- Os Premios da Cultura Galega animan a traballar por Galicia “con primor” (aquí en papel), La Opinión (15/1/2020)
- A movida viguesa, premiada 40 anos despois (aquí en pdf), Xornal de Vigo (15/1/2020)
- O titular da Xunta presidiu esta tarde o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019 (aquí en pdf), Xornal21 (15/1/2020)
- Premios da Cultura y movida (portada en papel), Atlántico (15/1/2020)
- Premiada la huella de 8 detonadores de cultura (aquí en papel), El Correo Gallego (15/1/2020)
- Os Premios da Cultura déronse ao ritmo da movida viguesa (aquí web en pdf, aquí en papel), El Progreso (15/1/2020)
A revolución de Galego en Londres
O martes recollo en Vigo o Premio da Cultura Galega e a prensa comeza a quentar motores e a falar de Galego en Londres:
- Reportaxe en El Faro de Vigo (11/1/2020): «A revolución de Galego en Londres».
- Entrevista en profundidade en El Faro de Vigo, na sección A Fondo, con contido só para suscritores (11/1/2020) : «A revolución de Galego en Londres, entrevista a Begoña González» (aquí en pdf)
- Reportaxe en La Opinión (12/1/2020), «O éxito de Galego en Londres»

Entrevista na Radio Galega
O Premio da Cultura Galega que acaba de recibir o proxecto Galego en Londres atraeu a atención da Radio Galega, que hoxe realizou esta entrevista a Begoña González (aquí o audio), para o Diario Cultural (a partir do minuto 6).
E, se queredes, podedes ver toda a presenza nos medios estes días no dossier de prensa deste blog.
Encontro con Luz Zas: A paisaxe lingüística

Hoxe pasou polas aulas de galego de 3º ESO a investigadora Luz Zas Varela, que nos explicou como altera a paisaxe lingüística dun lugar a chegada de poboación doutros lugares con diferentes linguas.
Para comezar, fíxonos reflexionar sobre a nosa propia paisaxe lingüística, moi rica ao vivir nun contorno multicultural e multilingüístico na cidade de Londres e no propio Cañada Blanch. É incrible a cantidade de linguas coas que o noso alumnado está en contacto acotío, que eles mesmos nos desvelaron!
Luz aproveitou para presentarnos algún dos proxectos cos que estuda a conciencia metalingüística do alumnado de Secundaria en certos concellos galegos en expansión demográfica. En particular falounos do caso de Arteixo, onde hai un multilingüismo moi interesante por mor do poder de atracción do polígono industrial, que conta coa sede dunha empresa global como Inditex e polo tanto conta cunha presenza moi importante de inmigrantes, especialmente marroquís.
Estívonos a falar da investigación participativa que desenvolve o seu equipo de investigación da Universidade de Santiago* co alumnado do IES Manuel Murguía, a quen ben coñecemos, e con profesores tamén amigos: Begoña Campos, Teresa Seara e Miguel Gómez. Chámase “GrafiTIC a nosa paisaxe lingüística. Graffiteamos o polígono”.
Os alumnos fan un traballo de campo usando unha ferramenta de xeolocalización TIC-TAC-TEP** denominada MAVEL. Con ela xeolocalizan as linguas que aparecen na paisaxe do contorno do instituto e do centro de Arteixo (os carteis, os anuncios, as mensaxes escritas no espazo público, os topónimos dos indicadores, os nomes dos comercios…) e contrástano coa paisaxe lingüística da memoria e da toponimia tradicional desas áreas. Así, a través da tecnoloxía, o alumnado reflexiona sobre o seu propio medio e sobre a diversidade lingüística. E así, repasando algún dos exemplos descubertos por eles tamén nós nos decatamos de como tamén foi mudando co tempo a nosa paisaxe en Londres e mais nas nosas cidades de orixe.

Como acción derivada deste proxecto o estudantado de Arteixo realizou ademais, en colaboración co concello, unha petición para que as aplicación de Google normalicen o topónimo de Arteixo (en lugar de Arteijo). Mágoa que non pediran tamén que respecten o nome galego dos seus Orense, Sangenjo, Puenteareas, La Coruña, Ginzo de Limia, Villanueva de Arosa, Vivero o Puentecesures! Esta pequena acción é unha mostra máis de como se aprende e como se mudan actitudes facendo.
*Luz Zas Varela é profesora de Lingüística Xeral na Facultade de Filoloxía e na de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigadora, os seus intereses están vinculados á Sociolingüística e á Educación lingüística crítica. O proxecto de investigación I+D+I que desenvolve o equipo do que forma parte chámase “Superdiversidade lingüística en áreas periurbanas. Análise escalar de procesos sociolingüïsticos e desenvolvemento da conciencia metalingüística en aulas multilingües”.
**TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), TAC (Tecnoloxías da Aprendizaxe e do Coñecemento), TEP (Tecnoloxías para o Empoderamento e a Participación)
Premio da Cultura Galega para Galego en Londres
Hoxe é un día feliz na área de Galego do Cañada Blanch.
Acabamos de recibir un premio moito máis grande do que nunca soñamos, o Premio da Cultura Galega en Proxección Exterior 🏆. Son uns premios que destacan a excelencia creativa e o labor de difusión cultural de persoas e institucións en varios eidos. Galego en Londres está a recibir o premio na categoría de Proxección cultural no exterior 🌍. Facémolo a carón doutros galardoados de moita categoría: Xesús Alonso Montero en Letras, Soledad Penalta en Artes Plásticas, a compañía Monicreques de Kukas en Artes Escénicas, o cantautor Amancio Prada en Música, a serie de Neflix O sabor das margaridas en Audiovisual, a profesora Pilar Ponte (a benquerida e incansable activista a prol da lingua coñecida como aprofa) en Lingua, e a Fundación Barrié pola restauración do Pórtico da Gloria. Vaia, case nada!
O premio outorgado recoñece no proxecto Galego en Londres a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.
Aquí en Portobello recibimos a noticia con abraio e con moitísima ledicia, porque tanto recoñecemento nunca entrou sequera no terreo do soñado. Pero hai aínda un sentimento maior, que é o da gratitude. A construción de calquera empresa que pague a pena e que se manteña no tempo nunca é cousa dunha persoa, senón de moitas e isto aplica tamén na nosa. Así que o triunfo é compartido: detrás de Galego en Londres estivo varios anos o anterior profe de galego, Xaime Varela, que foi quen tivo a fabulosa intuición de que había que abrir as aulas de galego ao mundo e creou a marca. Estou ben certa que nunca pensou daquela nin que ía durar nin que ía medrar tanto! Cun novo e necesario enfoque, seguía unha saga doutros incribles profesores de galego que cada un ao seu xeito fomentou o orgullo polo propio e axudou a cohesionar a nosa comunidade: Carmen Suárez, Ramiro Fonte, Álvaro Varela Suances-Carpegna e Teresa Fandiño. Agora xa van 30 anos de ensino de galego no Cañada, e eu xa estou a piques de culminar os meus cinco anos en Londres á fronte da área de galego do cole. Mais sei que o novo profe que chegue o ano que vén lle dará continuidade a este proxecto outros cinco máis, e logo o seguinte outros cinco, coas mesmas actividades ou con outras diferentes, pero conservando o espírito: converter o galego en algo emocionante.
Pero, sobre todo, a gratitude é cara aos alumnos de galego, que participan e se entusiasman con todos as propostas que se lle fan nas clases e que son a verdadeira e última razón de todo o que facemos! ♥
Tamén están todos os londoners cómplices do proxecto que acoden altruistamente aos Encontros no Cañada, e entran nas nosas aulas ensinarlles aos rapaces unha mostra do mellor que ten Galicia no humano e no intelectual. Moitos son profesionais altisimamente cualificados e outros grandísimos artistas de paso pola cidade. A lista é xa inmensa. A todos eles correspóndelles tamén un cachiño deste premio.
Grazas finalmente ao xurado por fixarse no traballo feito con tanta dedicación e paixón desde a nosa escola para contribuír á difusión, dignidade, prestixio, vitalidade e futuro da nosa xente e da nosa lingua e cultura!
Hoxe estou feliz por min, por nós e polo pulo que este premio lle dá ao traballo que se realiza desde este recunchiño do IE Cañada Blanch.

Encontro con Angel García

Hoxe recibimos no Cañada a Ángel García, enxeñeiro informático que traballa como Data Tech Product Manager para a web Hotels.com. Ángel mantivo un Encontro co alumnado de galego de 4ºESO e falounos de como se usan as tecnoloxías máis recentes para crear e mellorar procesos de negocio, mellorar as experiencias dos usuarios e adaptarse á demanda da industria e do mercado.

Ángel explicounos como detrás da nosa actividade en Internet hai unha recollida masiva de datos, e como eses datos se filtran, limpan e organizan para tomar decisións institucionais e empresariais en diferentes ámbitos da nosa vida, desde o tráfico aeronáutico á reserva dun hotel ou á oferta de servizos, e tamén no da saúde e seguridade.


No caso concreto da actividade que desenvolve actualmente para hotels.com, explicounos de que depende o prezo dunha habitación de hotel. As tarifas varían en función de varios factores: onde están, o momento do ano, as estrelas e servizos que ofrecen, a competencia que teñan, e tamén a ocupación e a demanda. Os hoteis varían a tarifa das habitacións ao longo do ano adaptándose a estes factores e a outros, para maximizar as súas ganancias. E a toma de decisións realízase con datos.
Finalmente, a súa charla serviunos para reflexionar e para sermos conscientes da cantidade de datos persoais e de metadatos que cedemos acotío a través do uso que facemos da web e das apps que utilizamos na vida cotiá.
O cine segundo Sandra Sánchez
Onte no Cañada o alumnado de galego asistiu á proxección da curtametraxe “A nena azul de Sandra Sánchez, e mantivo un interesante coloquio coa súa directora, a cineasta galega Sandra Sánchez.
Con ela asistimos a unha anécdota na vida de Sira, unha nena de 8 anos que un día lata á escola, onde se entende que sofre algún tipo de acoso ou bullying. Sira vai buscar o pai, un percebeiro furtivo, e refúxiase nunha praia deserta onde ten un encontro cunha misteriosa nena que parece ser o seu propio espello. É unha curta sobre o fin da infancia, sobre o momento no que se perde a inocencia, e un prolegómeno da longametraxe de ficción na que está a traballar actualmente, A nadadora, que ten como protagonista a esta rapaza, pero xa con 15 anos. A nena azul amósanos ademais lugares afastados e cargados de maxia de Galicia, como a praia de Camariñas ou a furna de Arteixo, a maneira de falar da Costa da Morte…
A nena azul está a ter unha recepción moi boa, e xa leva gañado varios premios á mellor curtometraxe, como o Premio Mestre Mateo, ou os de Curtocircuíto e Crea. Onte mesmo pola tarde proxectouse en Londres no marco do Galician Film Forum, con grande afluencia de público.
Sandra Sánchez leva dirixido e montado multitude de documentais, series e campañas publicitarias para cine e televisión. Entre as súas obras propias a máis destacada é a longametraxe Tralas luces.
Polo San Martiño, trompos ao camiño

Un ano máis celebramos o outono no Cañada Blanch lembrando as nosas tradicións máis sobranceiras. E, coma sempre, abrimos a tempada do trompo. Este ano, ademais, algúns alumnos animáronse a decoralos.
Polo San Martiño, trompos ao camiño
polo San Amaro, trompos ao faiado.
Iñaki Leite fálanos de arquitectura e de soños
Este venres o alumnado de galego de 4º ESO e de 1º BAC acudiu a un coloquio cun arquitecto galego moi importante, Iñaki Leite, afincado desde hai anos en Londres, onde ten o estudio Your Architect London. Iñaki falounos da súa formación e historia profesional en lugares como Madrid, Nova York ou Londres, e de como foi aprendendo cousas con outros arquitectos cos que traballou, como Peter Eisenman ou Carlos Seoane.
Explicounos desde unha perspectiva humanística como deseñar a casa dos nosos soños, pero non nos falou de como realizar liñas co Autocad, senón de música, viaxes e cheiros, de como personalizar as casas para obter un fogar, exactamente o que precisamos segundo a nosa personalidade, gusto e inquedanzas. Tamén nos explicou a importancia da luz natural e ensinounos diferentes solucións creativas para distribuila por toda a casa, para imitar un patio, para levala a un soto…
Finalmente presentou un proxecto moi de seu, a multipremiada Dezanove House, unha sorprendente construción na Pobra do Caramiñal cunhas marabillosas vistas cara á Ría de Arousa. Trátase como vimos dunha casa moi singular, xa que está construída con madeira reciclada das bateas e mesmo imita a estrutura das antigas caixas das plataformas onde se cultiva o mexillón. Pero toda ela agocha abraiantes solucións arquitectónicas mesmo nos detalles máis miúdos, e Iñaki foinos explicando como a elección dun material, dun grosor, dunha altura, etc. inflúe na vida cotiá e crea diferentes ambientes e sensacións no interior dunha vivenda.
Sergio Gantes fálanos da Segunda República
Hoxe o noso alumnado de 3º e 4º da ESO atendeu a unha charla de Sergio Gantes. Sergio é licenciado en Historia pola Universidade de Birkbeck e especialista na Segunda República Española. Fíxonos especial ilusión recibilo porque Sergio estudou non hai moitos anos no Cañada Blanch, onde tamén foi alumno de Galego. Tamén a el lle gustou volver pasear polo convento e lembrar espazos e persoas que o habitaron. O alumnado puido comprobar como hai xa bastantes anos coincidiu nas clases con algún irmán ou curmán máis vello, e mesmo puido indagar como era daquela o cole ou como se comportaban os seus familiares ?
Pero o máis importante foi traballar conceptos como os de ditadura, democracia, república, monarquía e repasar as causas dos conflitos e dos distintos golpes de estado. Aprender da Historia axudaranos sen dúbida a non repetir os seus maiores erros.
OS HEREDEIROS DA CRUS SAÚDAN A GALEGO EN LONDRES ??
Os Heredeiros da Crus están coma cabuxas ?, pero querémolos ?.
Este vindeiro sábado estarán en concerto en Londres e non deixaron pasar a oportunidade de mandar un saúdo moi especial para o alumnado que estuda galego no IE Cañada Blanch ?
Non faltedes á cita no Nambucca cos creadores de Eu quero josar, Pero que ghallo é! ou Vaiche boa. Co seu novo disco Derretidos volve o noso son máis bravú.
We want a rock ??
Un 12 outubro diverso e plural no Cañada
Como cada ano, no Cañada celebramos a festa do 12 de outubro e aproveitamos para que o alumnado teña un coñecemento máis amplo de España. Este ano foi unha homenaxe á diversidade. O alumnado participou en múltiples actividades, e igual bailou un bolero mallorquín ca unha muiñeira. Velaquí unha mostra do obradoiro para o alumnado da ESO que lle deu Suso na carpa do patio. Agora xa saben facer un punto, un paseo e unha roda.
O transporte dos desexos, na prensa
O proxecto “Transporte dos desexos”, impulsado pola xornalista Alejandra Plaza, está a ter repercusión tamén na prensa.
Pero sobre todo, para os rapaces de Primaria de Galego o máis fermoso foi saber que os nenos dos hospitais recibiron os nosos corazóns e desexos con tanta emoción ❤️
- La escritora y periodista cabanesa Alejandra Plaza está recorriendo Europa con un nuevo proyecto infantil llamado el transporte de los deseos (aquí en pdf), 21Noticias.com (4/07/2019)
- La escritora y periodista cabanesa Alejandra Plaza está recorriendo Europa con el proyecto ‘El transporte de los deseos’ (aquí en pdf), Crónicas de la emigración (4/07/2019)
Os nenos hospitalizados reciben os nosos corazóns
Os corazóns cheos de desexos de boa recuperación que fixeron os cativos que van á extraescolar de galego en Primaria no Cañada Blanch chegaron a destino e leváronlle a felicidade a rapaces hospitalizados en España ❤️
Videoconferencia con Arteixo 2019
Nas aulas de galego do Cañada cada ano facemos polo menos unha actividade cos nosos amigos do IES Manuel Murguía de Arteixo, en colaboración con Ramón Echeverri -o coordinador do seu EDNL- e o seu alumnado: no 2016 entrevistáronnos en vídeo, carteámonos con eles no 2017 e tamén falamos por videoconferencia no 2018.
Este ano conversamos por videoconferencia o alumnado de galego de 4º ESO do Cañada e do Manuel Murguía. Falamos de nós mesmos, dos nosos intereses e futuro nos estudos e no traballo, das festas e de diversión, e ata do Brexit. Así nolo contan eles no seu blog Fala de Raio. Ata o ano que vén, amigos!
A viaxe dos desexos
Os pequenos da extraescolar de galego para Primaria do Cañada Blanch participan nun novo proxecto, iniciativa da xornalista e escritora Alejandra Plaza, coa que é un pracer colaborar.
Nesta ocasión seremos un dos elos da viaxe dos desexos para nenos enfermos que sofren ingresos hospitalarios. Mandámoslles desde Londres moitos bicos, apertas e un lote de bos desexos en forma de corazón, medusa, pomba… ?
Galego en Londres nun congreso sobre a emigración en Zamora
A semana pasada Zamora acolleu o Congreso Internacional: El asociacionismo español de una emigración diferenciada (programa web, programa de man), organizado pola UNED de Zamora e o seu Centro de Estudios de la Emigración Castellana y Leonesa. Nel déronse cita recoñecidos especialistas na materia para debater sobre as características históricas e actuais do asociacionismo da emigración española. Alí estiven falando de Galego en Londres e do papel xogado por este proxecto educativo -que naceu no IE Cañada Blanch, pero que xa hai tempo que saltou os muros da escola- e polas redes sociais que se agrupan baixo este nome na cohesión da comunidade galega de Londres e no desenvolvemento do asociacionismo cultural na cidade.
Tiven o pracer de participar nunha mesa redonda con dous fenomenais contertulios, Serafín Pazos Vidal (responsable de COSLA, a Oficina Europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas, que foi promotor da asociación Couto Mixto en Bruxelas) e Alejandra Plaza Rodríguez (escritora e xornalista residente en Frankfurt, presidenta de Embaixada.gal e autora do ensaio sobre emigración Si fuese fácil lo haría otro).
Quérolles reiterar o meu agradecemento aos principais responsables da organización do congreso, Juan Andrés Blanco Rodríguez (director do Centro da UNED de Zamora), Arsenio Dacosta Martínez (doutor en Historia da Universidade da Salamanca) e Rubén Sánchez Domínguez (investigador do Centro de Estudios de la Emigración Castellana y Leonesa), por se fixaren nun proxecto coma o noso e darlle voz á emigración galega actual a través da miña persoa.
- Ponencias sobre la emigración a Brasil, Reino Unido o Alemania enriquecen el congreso de la UNED de Zamora (aquí en pdf), Crónicas de la emigración (31/5/2019)
- Las relaciones con la emigración actual centran el segundo día (aquí en pdf), La Opinión de Zamora (24/5/2019)
- Las redes sociales, nuevas “casas regionales” para los emigrantes (aquí en pdf), La Opinión de Zamora (30/4/2019)
- Congreso Internacional: El asociacionismo español de una emigración diferenciada (aquí en pdf), El Día de Zamora (30/4/2019)
O noso encontro co instituto de Negreira, no España Exterior
?? O España Exterior interésase unha vez máis pola actividade da área de galego do Cañada Blanch. Grazas!!!
- Alumnos y profesores del instituto de Negreira y del Cañada Blanch celebran en Londres el Día das Letras Galegas (aquí web en pdf; aquí versión papel).
Cantamos ? ‘Portobello Road’? co alumnado do Xulián Magariños
Os amigos do IES Xulián Magariños de Negreira non faltaron á nosa cita anual polo Día das Letras Galegas. Xa van sete!
Acompañados polos profesores Amancio Liñares e Clara Rodríguez, agora a directora do centro, conviviron con parte do noso alumnado de galego. Tras escoitar unha charla de Amancio Liñares sobre o escritor homenaxeado este ano, Antón Fraguas, e un pequeno recital de coplas populares, o alumnado de 3º ESO dos dous institutos participou nunha divertida xincana polas rúas de Portobello.
Velaquí a varios cantando diante das Arcades das antigüidades un anaco da nosa versión galega da canción canción ‘Portobello Road’ da película de Disney Bedknobs and Broomsticks (en España, La bruja novata) .
Portobello road, Portobello road
Onde se vende e se merca ata o sol
o que queira desfacerse de algo que usou
que veña vendelo a Portobello Road.
A súa grande ocasión está en Portobello road.
O mestre Antón Fraguas, con Amancio Liñares Giraut
Hoxe, Día das Letras Galegas, quixémonos achegar un pouco desde Londres á figura do homenaxeado neste 2019, Antón Fraguas. Fixémolo nunha charla que nos impartiu o profesor, historiador e editor Amancio Liñares Giraut, quen ademais nos contou que o coñeceu en persoa. Asistiu o alumnado de galego de 3º ESO, que xa sabe agora algo máis sobre este intelectual galeguista, historiador e etnógrafo, que desenvolveu un importante labor de investigación e a prol da memoria colectiva e da conservación do noso patrimonio material e inmaterial.
Viaxe da lingua 2019
Un ano máis o alumnado de galego do IE Cañada Blanch de Londres viaxou a Galicia para coñecela de preto e en primeira persoa. Velaquí o noso videorresumo: este ano aprendemos moito da nosa cultura tradicional e moderna e visitamos lugares emblemáticos como o pórtico da Gloria da catedral de Santiago, a praia das Catedrais, a muralla romana de Lugo, a casa-museo Rosalía de Castro, o museo etnográfico A Casa do Patrón, a Domus da Coruña ou as termas de Outariz. Ademais, gozamos do noso baloncesto vendo xogar ao Obradoiro de Santiago, visitamos o concello de Lalín onde conversamos co alcalde e debatemos no seu salón de plenos, e fixemos moi bos amigos no IES Laxeiro, onde nos acolleron tan ben que nunca poderemos esquecer Lalín.
Forever in Galicia en Londres
Este xoves tivemos a sorte de contar no Cañada cunha dobre presentación do Forever in Galicia, a tradución ao inglés do mítico Sempre en Galiza de Castelao.
Versos galegos para celebrar o Día do Libro
Onte o alumnado do Cañada presenciou un marabilloso recital literario no salón de actos do noso instituto, con fantásticas lecturas e interpretacións en castelán, francés, inglés e, por suposto, galego.
Xela, de 1ºBAC, presentou os distintos textos que recitou o alumnado de galego. Velaquí algunhas mostras:
Libropoemas galegos polo Día do Libro
En Londres tamén celebramos o Día do Libro e facémolo en galego .
Esta semana entreterémonos creando libropoemas e preparando o recital poético
do xoves.
Galego en Londres sae en VINTE
Galego en Londres xa non pode aspirar a máis. O noso proxecto #Euen10anos espertou o interese de VINTE, a revista máis moderna e molona do panorama cultural galego actual.
- #Euen1anos. Rapazada de Londres cóntanos en galego como imaxina o seu futuro (aquí en pdf). VINTE (9/4/2019)
Música galega no Cañada: ‘Shin Chan’
Dous alumnos de galego de 3º ESO, Eric e Adrián, interpretan o opening en galego do popular ‘Shin Chan‘, que marcou a toda unha xeración. É a nosa pequena homenaxe desde Londres ao Xabarín Club neste seu 25 aniversario.
Making Art Happen – Eu en 10 anos
A nosa segunda cita con Making Art Happen levou ás nosas aulas de galego á fotógrafa Cristina Calvo, que nos propuxo o seguinte xogo:
Como vou ser #Euen10anos?
En menos dunha hora os rapaces tiveron que argallar como poderían representar unha autoimaxe ? do seu futuro, e a partir de aí facer unha análise ? de cales son as súas fortalezas e debilidades para acadar ese soño. Velaquí unha lista de reprodución con tódolos traballos.
Making Art Happen no Cañada
A Área de Galego do Cañada comeza unha nova colaboración, esta vez co colectivo Exprimento Limon, que agora espallou a súa actividade a Londres baixo o nome de “Making Art Happen“. Trátase dunha iniciativa apoiada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
#8marzo | Rosalía, punta de lanza do feminismo
Hoxe Rosalía de Castro entrou nas aulas do Cañada xunto a outras mulleres sobranceiras da historia ?? ?? ?♀️ ?? ?♀️ ?? ?? ?♀️ ?♀️
Xela interpretou a esta punta de lanza do galeguismo ?️ e do feminismo ♀️ e presentouna ante o alumnado do cole.
Esta iniciativa do Grupo de Voluntariado da Biblioteca ? foi sen dúbida unha das máis fermosas para celebrarmos este 8 de marzo, Día Internacional da Muller