Concerto de Xabier Díaz no Cañada

Hoxe tivemos un convidado de excepción no Cañada Blanch: Xabier Díaz encheu a biblioteca da nosa escola de notas con arrecendo á terra galega. Faloulles aos rapaces da música tradicional galega e tamén do seu percorrido como músico, de como atopou o seu camiño. Falounos de gaitas, de pandeiretas e de adufes; interpretou muiñeiras, xotas e pasodobres, e cantou coa nosa rapazada unha peza do seu disco Noró, o «Maneo de Vilaño». O alumnado de galego atreveuse tamén cunha cantiga tradicional, «Túa nai é meiga».







E aquí Suso, que amais de profe de Matemáticas é un namorado da nosa música tradicional, acompañando a Xabier no canto e na pandeireta.




Mañá varios profesores do cole asistiremos ao concerto que dá no Rich Mix London xunto coas Adufeiras de Salitre, onde é seguro que atoparemos a boa parte da comunidade galega da cidade. Que luxo volvelo atopar!

 

Preparámonos para o concerto de Xabier Díaz no Cañada




Un dos pandeireteiros máis grandes de Galicia, Xabier Díaz, vai visitar o Cañada Blanch. O alumnado de galego está a preparar varias sorpresas. Velaquí ensaiando o “Maneo de Vilaño”.