Videoconferencia con Arteixo 2019

Nas aulas de galego do Cañada cada ano facemos polo menos unha actividade cos nosos amigos do IES Manuel Murguía de Arteixo, en colaboración con Ramón Echeverri -o coordinador do seu EDNL- e o seu alumnado: no 2016 entrevistáronnos en vídeo, carteámonos con eles no 2017 e tamén falamos por videoconferencia no 2018.

Este ano conversamos por videoconferencia o alumnado de galego de 4º ESO do Cañada e do Manuel Murguía. Falamos de nós mesmos, dos nosos intereses e futuro nos estudos e no traballo, das festas e de diversión, e ata do Brexit. Así nolo contan eles no seu blog Fala de Raio. Ata o ano que vén, amigos!

A viaxe dos desexos

Os pequenos da extraescolar de galego para Primaria do Cañada Blanch participan nun novo proxecto, iniciativa da xornalista e escritora Alejandra Plaza, coa que é un pracer colaborar.

Nesta ocasión seremos un dos elos da viaxe dos desexos para nenos enfermos que sofren ingresos hospitalarios. Mandámoslles desde Londres moitos bicos, apertas e un lote de bos desexos en forma de corazón, medusa, pomba… ?

 

Galego en Londres nun congreso sobre a emigración en Zamora

Falando de Galego en Londres e do activismo cultural na diáspora galega actual

A semana pasada Zamora acolleu o Congreso Internacional: El asociacionismo español de una emigración diferenciada (programa web, programa de man), organizado pola UNED de Zamora e o seu Centro de Estudios de la Emigración Castellana y Leonesa. Nel déronse cita recoñecidos especialistas na materia para debater sobre as características históricas e actuais do asociacionismo da emigración española. Alí estiven falando de Galego en Londres e do papel xogado por este proxecto educativo -que naceu no IE Cañada Blanch, pero que xa hai tempo que saltou os muros da escola- e polas redes sociais que se agrupan baixo este nome na cohesión da comunidade galega de Londres e no desenvolvemento do asociacionismo cultural na cidade.

Tiven o pracer de participar nunha mesa redonda con dous fenomenais contertulios, Serafín Pazos Vidal (responsable de COSLA, a Oficina Europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas, que foi promotor da asociación Couto Mixto en Bruxelas) e Alejandra Plaza Rodríguez (escritora e xornalista residente en Frankfurt, presidenta de Embaixada.gal e autora do ensaio sobre emigración Si fuese fácil lo haría otro).

Quérolles reiterar o meu agradecemento aos principais responsables da organización do congreso, Juan Andrés Blanco Rodríguez (director do Centro da UNED de Zamora), Arsenio Dacosta Martínez (doutor en Historia da Universidade da Salamanca) e Rubén Sánchez Domínguez (investigador do Centro de Estudios de la Emigración Castellana y Leonesa), por se fixaren nun proxecto coma o noso e darlle voz á emigración galega actual a través da miña persoa.

Mesa redonda con Serafín Pazos, Alejandra Plaza e XM Núñez Seixas
Pregunta de Ramón Villares durante o coloquio
Apertura do Congreso por parte de José Luis Bermúdez -deputado de Cultura, Educación, Deportes e Emigración da Deputación de Zamora- e de Juan Andrés Blanco -director do Centro Asociado da UNED de Zamora.