Hoxe é un día feliz na área de Galego do Cañada Blanch.
Acabamos de recibir un premio moito máis grande do que nunca soñamos, o Premio da Cultura Galega en Proxección Exterior ?. Son uns premios que destacan a excelencia creativa e o labor de difusión cultural de persoas e institucións en varios eidos. Galego en Londres está a recibir o premio na categoría de Proxección cultural no exterior ?. Facémolo a carón doutros galardoados de moita categoría: Xesús Alonso Montero en Letras, Soledad Penalta en Artes Plásticas, a compañía Monicreques de Kukas en Artes Escénicas, o cantautor Amancio Prada en Música, a serie de Neflix O sabor das margaridas en Audiovisual, a profesora Pilar Ponte (a benquerida e incansable activista a prol da lingua coñecida como aprofa) en Lingua, e a Fundación Barrié pola restauración do Pórtico da Gloria. Vaia, case nada!
O premio outorgado recoñece no proxecto Galego en Londres a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.
Aquí en Portobello recibimos a noticia con abraio e con moitísima ledicia, porque tanto recoñecemento nunca entrou sequera no terreo do soñado. Pero hai aínda un sentimento maior, que é o da gratitude. A construción de calquera empresa que pague a pena e que se manteña no tempo nunca é cousa dunha persoa, senón de moitas e isto aplica tamén na nosa. Así que o triunfo é compartido: detrás de Galego en Londres estivo varios anos o anterior profe de galego, Xaime Varela, que foi quen tivo a fabulosa intuición de que había que abrir as aulas de galego ao mundo e creou a marca. Estou ben certa que nunca pensou daquela nin que ía durar nin que ía medrar tanto! Cun novo e necesario enfoque, seguía unha saga doutros incribles profesores de galego que cada un ao seu xeito fomentou o orgullo polo propio e axudou a cohesionar a nosa comunidade: Carmen Suárez, Ramiro Fonte, Álvaro Varela Suances-Carpegna e Teresa Fandiño. Agora xa van 30 anos de ensino de galego no Cañada, e eu xa estou a piques de culminar os meus cinco anos en Londres á fronte da área de galego do cole. Mais sei que o novo profe que chegue o ano que vén lle dará continuidade a este proxecto outros cinco máis, e logo o seguinte outros cinco, coas mesmas actividades ou con outras diferentes, pero conservando o espírito: converter o galego en algo emocionante.
Pero, sobre todo, a gratitude é cara aos alumnos de galego, que participan e se entusiasman con todos as propostas que se lle fan nas clases e que son a verdadeira e última razón de todo o que facemos! ♥
Tamén están todos os londoners cómplices do proxecto que acoden altruistamente aos Encontros no Cañada, e entran nas nosas aulas ensinarlles aos rapaces unha mostra do mellor que ten Galicia no humano e no intelectual. Moitos son profesionais altisimamente cualificados e outros grandísimos artistas de paso pola cidade. A lista é xa inmensa. A todos eles correspóndelles tamén un cachiño deste premio.
Grazas finalmente ao xurado por fixarse no traballo feito con tanta dedicación e paixón desde a nosa escola para contribuír á difusión, dignidade, prestixio, vitalidade e futuro da nosa xente e da nosa lingua e cultura!
Hoxe estou feliz por min, por nós e polo pulo que este premio lle dá ao traballo que se realiza desde este recunchiño do IE Cañada Blanch.