5 anos de proxección en medios, redes, asociacións, congresos, premios…

VÍDEO 7 de 7. Acabamos o resumo da actividade desenvolvida por Galego en Londres neste período 2015-2020 amosando o traballo de PROXECCIÓN da nosa escola, da nosa comunidade galega de Londres e da nosa lingua e cultura no Exterior:

  • xerando o interese dos MEDIOS DE COMUNICACIÓN coas nosas actividades, cos nosos Encontros no Cañada, coa nosa viaxe a Galicia, e fomentando así o orgullo do noso alumnado; picando no apartado MEDIOS deste apartado do blog tes todas as aparicións na prensa, radio e televisión.
  • poñendo as redes sociais de Galego En Londres ao servizo da comunidade galega de Londres, visibilizando os seus éxitos e divulgando as súas actividades, e poñendo o foco no gran, grandísimo talento que atesoura a nosa xente. Máis de 8000 seguidores no Facebook e de 2000 no Twitter axudaron a proxectalos cara ao mundo.
  • apoiando a axenda cultural galega promovida por asociacións tan activas como os Galegos Morriñentos de Londres, XOGA, o Galician Film Forum, A Caramiña e outras iniciativas de grande interese como Té con Gotas ou o playgroup Troula Londres, etc. De todas elas levo moito aprendido, do seu compromiso e do seu bo facer.
  • participando no asociacionismo galego da cidade e participando na fundación de REGA – UK -a Rede Galega no Reino Unido- e na organización das súas múltiples actividades, a carón de compañeiros cheos de forza, ilusión, ideas e compromiso; un modo máis de tecer redes para fortalecer os nosos lazos.
  • participando en diversos congresos para falar da nova diáspora, do papel das redes sociais na súa cohesión, do novo activismo cultural do Reino Unido.

Estes 7 vídeos pretenden resumir o traballo realizado nos anos 2015-2020, herdeiro dos esforzos realizados en anos anteriores por outros predecesores, outros marabillosos mestres de galego no Cañada, e que agora continuará un novo profesor. Moita sorte e moitos éxitos!

Deixa un comentario

*