VÍDEO 6 de 7. Neste penúltimo vídeo da serie, recollemos a actividade máis ilusionante para o noso alumnado de galego no Cañada Blanch, a VIAXE A GALICIA, a nosa VIAXE DA LINGUA, que lamentablemente este último curso non puidemos facer. Foron días moi intensos, cheos de natureza, arte, historia, teatro, museos, deporte, comida, xogos, encontros con escolares e, sobre todo, convivencia e paixón inesquecible pola nosa terra!
Neste vídeo-resumo tedes tan só unha pequena mostra do noso achegamento a Galicia de cada final de curso. Os vídeos completos de cada viaxe están neste mesmo blog, na sección Viaxe da lingua.
Queremos engadir un agradecemento pola colaboración na viaxe:
- á Xunta de Galicia, especialmente á SX de Política Lingüística e á SX de Emigración.
- aos concellos que nos recibiron ou nos organizaron algunha visita (na Coruña, en Lalín, en Celanova, en Pontevedra…) e asociacións locais, como a asociación Braña de Mazaricos.
- tamén a outras institucións (grazas, Fundación Paideia Galiza, por colaborar uns anos connosco.
- a empresas galegas (Gadis sempre estivo aí, ano tras ano).
- ou do universo galego de Londres (a Galician Laundry, o restaurante La Bodega de Portobello e o Bar Galicia mentres estivo aberto, o Centro GAlego de Londres…).
- aos compañeiros do Cañada Blanch que me botaron unha man e que acompañaron os rapaces nas distintas viaxes con quintais de bo humor: Quique, Suso, Lucia, Isa.
Sen a vosa axuda nalgún momento esta viaxe non sería tan especial.