Anik Nandi visita o Cañada

Hoxe á hora de xantar recibimos ao sociolingüista Anik Nandi no Cañada Blanch. Anik presentoulle a Maribel Martínez, a directora do centro, o proxecto de investigación que ten entre mans, sobre as motivacións que subxacen ao mantemento da lingua na diáspora, pero tamén tivo tempo para conversar con varios dos rapaces que estudan galego no comedor. A todos eles lles sorprendeu que un indio de Calcuta falase tan ben o galego, pero é que os galegos ‘nacemos’ onde queremos, e non hai dúbida de que Anik é un dos nosos. Como el di, naceu bengalí, pero agora é tamén bengalego.

Anik Nandi sabe moito da transmisión interxeracional da lingua, e de feito é doutor pola Universidade de Edimburgo tras a lectura dunha tese sobre iso. Como nos prometeu, agardámolo nas nosas aulas para que nos fale sobre este asunto en Galicia, en Londres e, por suposto, na súa India, onde o bengalí, malia a ser un idioma falado por máis de 260 millóns de persoas, é unha lingua minorizada.

Deixa un comentario

*