Rosalía, Castelao, Celso Emilio, Raúl G Pato, Sechu Sende e Lupe Gómez, no recital literario do Cañada

Hoxe, con motivo da celebración do Día do Libro, tivo lugar no IE Cañada Blanch un recital poético multilingüe no que o alumnado interpretou, recitando e cantando, e incriblemente ben, destacados poemas da literatura española, anglosaxoa, francesa, catalá e galega.

Andrea, Gina e Sahara, de 3º ESO, cantaron ‘Lela‘, de Castelao, co acompañamento ao piano de Elisa; Lucía, de 4º ESO, recitou ‘Irmaus‘ de Celso Emilio Ferreiro; resoaron entre o público versos de Lupe Gómez; Diego, Aitor, Arancha e Alfred, de 2º ESO, recitaron os micropoemas ‘Quérote como‘ de Raúl Gómez Pato; Andrea C., Issy e Adrián, de 2º ESO representaron o conto ‘Uf‘ de Sechu Sende, e, como non, Rosalía, nesta ocasión no bloque feminista ao recitar Andrea B, de 2º ESO, ‘Daquelas que cantan as pombas e as flores‘.

Foi moito o talento amosado pola rapazada, guiada por unha xenial Martina, que exerceu de mestre de cerimonia. Parabéns a todos polas vosas interpretacións e polo voso dominio de tantas e tan fermosas linguas.

 

 

Coñecemos Galicia: o Camiño de Santiago

O alumnado de galego de 2º ESO segue a traballar para a nosa serie “Coñecemos Galicia“.

O ano pasado durante a viaxe a Galicia comprobamos que Santiago está cheo de peregrinos, e mesmo falamos con algúns deles, como podedes ver aquí. Este ano aproveitamos para afondar un pouco máis no tema a raíz dunha das preguntas que nos formalaron os nosos amigos do IES de Adormideiras, e e este vídeo é froito das investigacións sobre o Camiño de Santiago.

Haberá ósos dentro do sartego na catedral?

Chegaron nunha barca de pedra desde Palestina?

Desde cando Galicia recibe tantos romeiros?

Por que o emblema do Nandos é un galo e que ten que ver iso co tema?

De verdade o Códice Calixtino é un libro tan importante? Por que o roubou o electricista?

Se vedes o noso vídeo saberedes isto e máis.

 

 

Día da poesía con Manuel Antonio

Este mércores é 21 de marzo, comezo da primavera e Día da poesía. O EDLG do CIFP Manuel Antonio de Vigo tivo a marabillosa idea de aproveitar esta efeméride para conmemorar o 90 aniversario da publicación do libro “De catro a catro” do poeta Manuel Antonio.

Unha das actividades que organizaron foi unha lectura colectiva dos 19 poemas do libro, na que colaboraron diferentes centros galegos, nacionais e internacionais, entre eles nós. Velaquí a lista de reprodución de todas as lecturas de todos os centros participantes.

CIFP Manuel Antonio de Vigo (Galicia) | CEG de Granada (Andalucía)  | EOI de Ponferrada (Castela e León)  | CEG de Zadar (Croacia)  |  IE Cañada Blanch de Londres (Reino Unido)  |  IES As Barxas de Moaña (Galicia)  |  CEG de Vitoria (País Vasco)  |  CEG de Budapest (Hungría)  |  CEG de Roma (Italia)  |  CEG de Cork (Irlanda)  |  CEG de Padua (Italia)  |  CEG de Varsovia (Polonia)  |  Ceg de Braga (Portugal)  |  IES Alexandre Bóveda de Vigo (Galicia)  |  IES Álvaro Cunqueiro de Vigo (Galicia)CEG de Estremadura (Estremadura) |  CEE López Navalón de Santiago de Compostela (Galicia)  |  IG Santiago Apóstol de Bos Aires (Argentina)

A nós tocounos ler un dos poemas máis emblemáticos, «Sós». A seleccionada polos organizadores foi a de Marta e Martina, alumnas de 3º ESO.

Claro que fixemos moitas outras propostas, que podedes consultar aquí.