O cine segundo Sandra Sánchez

 

Onte no Cañada o alumnado de galego asistiu á proxección da curtametraxe “A nena azul de Sandra Sánchez, e mantivo un interesante coloquio coa súa directora, a cineasta galega Sandra Sánchez.

 

Con ela asistimos a unha anécdota na vida de Sira, unha nena de 8 anos que un día lata á escola, onde se entende que sofre algún tipo de acoso ou bullying. Sira vai buscar o pai, un percebeiro furtivo, e refúxiase nunha praia deserta onde ten un encontro cunha misteriosa nena que parece ser o seu propio espello. É unha curta sobre o fin da infancia, sobre o momento no que se perde a inocencia, e un prolegómeno da longametraxe de ficción na que está a traballar actualmente, A nadadora, que ten como protagonista a esta rapaza, pero xa con 15 anos. A nena azul amósanos ademais lugares afastados e cargados de maxia de Galicia, como a praia de Camariñas ou a furna de Arteixo, a maneira de falar da Costa da Morte…

A nena azul está a ter unha recepción moi boa, e xa leva gañado varios premios á mellor curtometraxe, como o Premio Mestre Mateo, ou os de Curtocircuíto e Crea. Onte mesmo pola tarde proxectouse en Londres no marco do Galician Film Forum, con grande afluencia de público.

 

Sandra Sánchez leva dirixido e montado multitude de documentais, series e campañas publicitarias para cine e televisión. Entre as súas obras propias a máis destacada é a longametraxe Tralas luces.