Obradoiro de poesía con Diana Varela Puñal

O venres tivemos unha visita moi especial no Cañada. A poeta galega de Corme Diana Varela Puñal veu ás clases de galego de 1º ESO. Diana é gañadora de múltiples premios literarios, tanto no eido da poesía coma no teatro, e é frecuente colaboradora de varios xornais galegos, aínda que profesionalmente dedícase á avogacía nun bufete da Coruña.

Todos xuntos protagonizamos unha sesión de poesía na que escoitamos, interpretamos, recitamos algúns poemas clásicos da literatura galega, como Negra sombra de Rosalía, e outras composicións da propia Diana, como Os amantes de Monbósc, Quixote contra o delirio ou O emigrante.

Pero o máis divertido foi que creamos un poema colectivo alí mesmo, a partir dunha escolla de palabras por parte do alumnado. Velaquí está, dedicado aos nosos avós:

poemacolectivo1eso

O MEU AVÓ

A amizade co meu avó
compensaba a traizón
e a falta de amor.

A familia sempre está
para axudarme
a súa confianza
quitábame a tristeza
tornábame a xenreira
e dábame felicidade.

A inocencia dos meus avós
a súa paixón pola vida
vence a norte
alíviame a morriña
de volver coa familia miña.

Diana ademais veu cargada de literatura. Agasallounos con varias das súas publicacións e videopoemarios e tróuxonos tamén un cariño do poeta galego Xulio L. Valcárcel. Grazas, Diana. Encantounos estar contigo e esperamos que non tardes en volver 😀

diana varela puñal

 

 

Deixa un comentario

*