Encontro con Rafa Cuíña, Inma Gil e Eva Moreda: Lingua hoxe: reflexións dende Londres

O vindeiro día 5 de decembro, luns, ás 19:00h terá lugar un encontro no Instituto Español Cañada Blanch de Londres co tema da lingua a tratar, a súa situación actual ou as perspectivas de futuro baixo o título “Lingua hoxe: reflexións dende Londres”.
Para iso contaremos con tres persoeiros importantes do mundo da cultura e da comunicación dun lado e do outro do mar, moderados pola profesora de lingua do Centro de Estudos Galegos de Oxford, Laura Sáez. Pola banda londiniense, Inma Gil, xornalista da BBC, unhas das impulsora do Manifesto O galego é útil, integrante do reactivado Grupo de Traballo Galego en Londres e tamén unha das administradoras do grupo facebook Galegos morriñentos en Londres. E ademais Eva Moreda, profesora de Musicoloxía na Open University, escritora (recente Premio Terra de Melide por A Veiga é coma un tempo distinto) e tamén integrante do Grupo de Traballo Galego. E pola outra banda do mar, Rafa Cuíña, empresario dezao, membro do IGEA, da asociación Prolingua e colaborador en varios medios de comunicación tanto escritos como radiofónicos e televisivos que, ultimamente, adquiriu grande notoriedade na sociedade galega pola súa postura crítica co goberno actual ao respecto da súa política cara a lingua malia ser militante do partido que está gobernando Galicia. 
Daquela a cousa promete. Só necesitamos que tamén esteades VÓS para termos unha tarde agradable e xeitosa.

Deixa un comentario

*