O medo comezou en Portobello Road, con Eva Moreda




Eva Moreda visitounos este pasado venres no IE Cañada Blanch. Esta profesora de Musicoloxía da Universidade de Glasgow visitou Londres para participar nun coloquio-recital no King’s College sobre dous dos seus libros sobre música e exilio. A nós desde logo falounos de música, pero tamén da súa novela “A veiga é como un tempo distinto”, traducida por Craig Patterson ao inglés como “Home is like a different home”, que acaba de gañar o premio de tradución do English Pen.

Esta novela é unha historia de amor ambientada en Portobello Road, nos anos da chegada masiva de galegos ao barrio. A análise da realidade que atopou esta xente no Londres daquela, tan diferente a Galicia, mesturouse coas historias persoais dos nosos alumnos de 2ºESO, moitos deles descendentes deles.

Para Elisa dos Barreses e para Gelo o medo comezou en Portobello Road. Tamén alí foi onde retomaron a súa amizade, descubriron o pracer, o valor da liberdade, a música dos Beatles e dos Monkees ou a minisaia de Twiggy. Para eles, dous mozos emigrantes, A Veiga, o seu territorio de orixe, quedara conxelada no mesmo día que a abandonaran, converténdose nun tempo distinto. Narrada cunha prosa elegante e medida, esta novela retrata, dende o punto de vista das mulleres, o percorrido vital dunha comunidade de emigrantes galegos en Londres durante a década de 1960. Os límites dos vínculos afectivos entre cada un dos seus membros, o amor, a soidade son temas principais dun relato onde o valor das emocións ten un peso decisivo. Mais, tamén, percorren as páxinas da novela as profundas mudanzas sociais que xermolaron na Europa daquel momento, dende o nacemento do movemento de liberación da muller e do sindicalismo feminino ao agromar da música pop e da súa cultura, fenómenos que anos máis tarde tanto influíron nos cambios profundos da sociedade galega.

 

 

Deixa un comentario

*