Forever in Galicia en Londres

Este xoves tivemos a sorte de contar no Cañada cunha dobre presentación do Forever in Galicia, a tradución ao inglés do mítico Sempre en Galiza de Castelao.

Pola mañá o editor Clive Boutle e o tradutor Craig Patterson estiveron co noso alumnado de galego de 3º ESO. Clive explicounos o labor da súa editorial e a importancia de proxectar culturas periféricas coma a nosa en contextos dominantes coma o inglés, e tamén da cosmogonía que se transmite a través das diferentes linguas. Craig, pola súa banda, falounos da súa traxectoria laboral, do oficio de tradutor, de como aprendeu o galego, do seu amor por Galicia e do duro traballo que supuxo traducir unha obra como a de Castelao, tan chea de referencias históricas e culturais.

Pola tarde, xa aberto ao público xeral, Francis Boutle Publishers presentou as súas dúas últimas traducións do galego ao inglés. Por suposto, o Forever in Galicia, pero tamén o Home is like a different time, a versión inglesa de ‘A veiga é como un tempo distinto‘ de Eva Moreda, unha vella amiga de Galego en Londres que xa presentara esta novela nas nosas aulas.  A presentación incluíu lecturas en galego e inglés dos dous textos e un emocionante coloquio co público asistente.

 

 

dd

 

 

Deixa un comentario

*