Galego en Londres: a memoria histórica

O pasado xoves 3 de marzo presentouse no IE Cañada Blanch a biografía deste valenciano cuxo nome leva o centro titulada Vicent Cañada Blanch (1900-1993); trátase dun exhaustivo traballo de Vicent Franch i Ferrer con prólogo de Paul Preston. Da presentación, que contou con diversas autoridades educativas e culturais, imos rescatar unhas agarimosas palabras pronunciadas en galego polo autor do libro:
“Chegados a este momento de recoñecementos non quero deixar de mencionar que boa parte dos alumnos e alumnas que recibiu o Colexio de Greenwich primeiro e o de Portobello despois procedía da colonia galega en Londres, por máis que tamén foran numerosos os asturianos e castelán-leoneses.
Aqueles traballadores emigrados, aqueles rapaces e rapazas que estudaron a EXB e o Bacharelato, que hoxe son xa persoas de idade provecta, sen dúbida, han de levar o nome de D. Vicent nos seus corazóns.
Para min, que vivín un tempo en Ferrol, é, sen dúbida, un motivo de satisfacción poderlles dirixir hoxe unhas palabras na lingua de Castelao e Celso Emilio Ferreiro”. Vicente Franch i Ferrer
Vaia a nosa gratitude e, por extensión, a da galeguidade londiniense pola agarimosa e necesaria lembranza.

Deixa un comentario

*