O pasado 20 de xullo fun convidada, como responsable das redes sociais de Galego en Londres, á xornada organizada polo Observatorio da Nova Diáspora Galega (ONDA) para analizar o papel das redes sociais e entender como se organiza a nova diáspora galega.
Foi un pracer preparar esta conferencia con Inma Gil Rosendo, xornalista da BBC e fundadora do grupo Galegos Morriñentos de Londres, e repasar con ela, baixo o título ‘Cultura pop-up e redes sociais’, os factores máis relevantes que ao noso entender contribuíron a encher un baleiro xeracional e tecnolóxico e a mellorar a cohesión dos galegos de Londres ao longo dos últimos 10 anos.
Compartimos as circunstancias que levaron ao nacemento dos Galegos Morriñentos de Londres nun momento no que os Centros Galegos deixaron de representar e de responder aos intereses e necesidades das novas vagas de emigrantes;
Falamos de como nun segundo momento a páxina de Facebook e despois o twitter de Galego en Londres supuxeron a consolidación da ‘rede’ virtual como centro da actividade da galeguidade e impulsaron o networking e a posta en valor do traballo, actividade e iniciativas dos distintos grupos da cidade.
E de como a través de ambas redes sociais, moitos galegos coñecéronse e crearon comunidades de interese que desenvolveron diferentes iniciativas sociais, culturais e artísticas, moitas de alta cultura: Troula, A Caramiña, Xoga, Galician Film Forum…
Finalmente, presentamos REGA-UK, unha nova asociación de persoas que pretende xuntar forzas e posibilitar unha nova oferta máis ambiciosa de alta cultura galega no Reino Unido, e que é o produto da maduración das anteriores iniciativas.
Tamén, xunto aos presentes no Auditorio do Centro Cívico do Romaño de Santiago de Compostela, debatemos os desafíos desta nova diáspora pop-up.
Deseguido un extracto do programa (e velaquí en pdf o programa completo das xornadas).