Iñaki Leite fálanos de arquitectura e de soños

Este venres o alumnado de galego de 4º ESO e de 1º BAC acudiu a un coloquio cun arquitecto galego moi importante, Iñaki Leite, afincado desde hai anos en Londres, onde ten o estudio Your Architect London. Iñaki falounos da súa formación e historia profesional en lugares como Madrid, Nova York ou Londres, e de como foi aprendendo cousas con outros arquitectos cos que traballou, como Peter Eisenman ou Carlos Seoane.

Explicounos desde unha perspectiva humanística como deseñar a casa dos nosos soños, pero non nos falou de como realizar liñas co Autocad, senón de música, viaxes e cheiros, de como personalizar as casas para obter un fogar, exactamente o que precisamos segundo a nosa personalidade, gusto e inquedanzas. Tamén nos explicou a importancia da luz natural e ensinounos diferentes solucións creativas para distribuila por toda a casa, para imitar un patio, para levala a un soto…

Finalmente presentou un proxecto moi de seu, a multipremiada Dezanove House, unha sorprendente construción na Pobra do Caramiñal cunhas marabillosas vistas cara á Ría de Arousa. Trátase como vimos dunha casa moi singular, xa que está construída con madeira reciclada das bateas e mesmo imita a estrutura das antigas caixas das plataformas onde se cultiva o mexillón. Pero toda ela agocha abraiantes solucións arquitectónicas mesmo nos detalles máis miúdos, e Iñaki foinos explicando como a elección dun material, dun grosor, dunha altura, etc. inflúe na vida cotiá e crea diferentes ambientes e sensacións no interior dunha vivenda.

 

 

Deixa un comentario

*