Isaac Xubín fálanos de poesía, linguas e rugby

Onte recibimos con grande alegría no Cañada a Isaac Xubín. Isaac dedícase profesionalmente á tradución, pero é sobre todo un recoñecido poeta e narrador, que vén de publicar hai pouco a novela ‘Non hai outro camiño’.

Isaac falounos da súa traxectoria e da súa busca da identidade, nun longo camiño persoal que comezou en Bilbao e foi recalando en Espinosa, en Astorga ou en Xixón, pero que culminou en Xubín, unha aldea de Oleiros na que por primeira vez tivo a conciencia de ser dalgures, de ser galego, e coa que trala perda da casa quedou xunguido polo seu novo ‘apelido’. Tamén nos contou como acabou volvendo ao País Vasco para converterse en euskaldún, falante de vasco e polo tanto tamén vasco, nunha construción complexa da identidade. E como de alí chegou primeiro a Cork e logo a Sheffield, onde vive na actualidade. A través das súas palabras soubemos como a práctica de deportes como rugby ou o fútbol gaélico poden modelar e forxar unha maneira de ser. E como esta paixón súa se pode combinar coa literatura e facer xurdir así un fermoso proxecto: a revista galega ‘O salmón oval’.

Falounos moito de linguas, e de literatura, e regalounos un recitado de Gabriel Aresti, primeiro en vasco e logo en galego: ‘Nire aitaren etxea’, ‘A casa de meu pai’.

Non fomos os únicos que puidemos gozar da poesía na boca de Isaac Xubín en Londres esta semana. O luns participou no recital que tivo lugar no I K L E C T I K de Londres como un dos actos da xornada One day without us, xunto a outros moitos poetas.




 

Deixa un comentario

*