‘O galego mola’: do youtube ao libro, con Isabel Villanueva

Hoxe comezaron os Encontros no Cañada deste curso 2019-20. Recibimos no instituto a Isabel Villanueva, youtubeira que desde o 2010 xestiona a marca Isa Shopaholic, conta cun blog, unha canle de youtube e está presente en redes sociais. Posteriormente creou unha súa canle O Galego Mola, un lugar onde comparte lembranzas, impresións, reflexións, receitas en galego, lugares de Galicia…

Na biblioteca do cole, mantivo un coloquio co alumnado de galego de 3º e 4º ESO sobre o seu primeiro libro, “O galego mola: palabras da miña vida”. Nesta obra preséntanos 24 palabras coas que se criou e que usa acotío e relaciónaas con historias persoais, tradicións galegas, etc. Conversando con ela os rapaces do Cañada demostraron todo o que saben de cultura galega, das nosas tradicións, da nosa paisaxe, das nosas palabras. Tendo como punto de partida as palabras propostas pola autora, lembraron onde sentaron nun cruceiro, cando arrodearon en cadea un hórreo, en cales das súas casas familiares teñen lareira, cando celebramos o aniversario dun amigo todos xuntos comendo unha larpeira, as comidas máis enxebres da nosa terra… Falamos de contos, de lendas, de lugares…

Isabel Villanueva está estes días en Londres presentando esta obra que editou Hércules de Ediciones, e xa contamos cun exemplar dedicado pola autora na nosa biblioteca. Grazas, Isa.

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

*