Juan Durán e Margarita Soto preséntannos O Arame no Cañada

Hoxe foi un día completo para o alumnado de galego do Cañada Blanch, un día de achega á música lírica galega.

Pola mañá recibimos no Cañada ao compositor galego Juan Durán e á musicóloga Margarita Soto Viso. Ambos os dous visitaron estes días Londres para asistir á función de O Arame, ópera composta polo propio Juan Durán, no Tabernacle de Notting Hill, á que tamén foi o alumnado de Galego en Londres. Juan e Margarita axudáronnos a comprender o tecido da ópera. Así soubemos como se compaxina a escrita do texto, levada a cabo polo gran dramaturgo galego Manuel Lourenzo, coa composición musical, e tamén como é a súa organización horizontal e vertical, os instrumentos que interveñen, a importancia do traballo e da inspiración…

Agasalláronnos ademais coa poética musical Zoar, con arranxos de Juan Durán, unha escolma poética de composicións medievais e do Rexurdimento, de pezas da música popular galega e da culta moderna… unha proposta que recolle a memoria colectiva do noso pobo. Tamén recibimos un dvd coa estrea absoluta de O Arame na Coruña no 2008. E textos e partituras, algunhas infantís… coas que xa para o curso que vén intentaremos xogar na nosa escola.

Esperamos que gozárades con este encontro tanto coma nós, e que volvades pola nosa escola se caedes de novo por Londres, vós ou o voso fillo León, que como vimos promete destacar tamén no mundo da composición 😉

 

 

 

 


 

 

Leave a Comment

*