O ex-mariño mercante Juan Jurjo estivo no Cañada nun encontro co alumnado de galego de 1º ESO achegándonos o cheiro do mar. Falounos da súa vida embarcado, na que botaba meses enteiros sen pisar terra. Unha vida dura, lonxe da casa e da familia, pero tamén apaixonante, na que traballou en buques pesqueiros, mercantes, petroleiros, de pasaxeiros… Por el soubemos dos tipos de barco e da súa mecánica, da responsabilidade do traballo nas máquinas, dos seus compañeiros de tripulación, de todas as nacionalidades, e tamén dos mundos descubertos: unha volta e media chegou a darlle ao mundo nunha das súas viaxes, nas que percorreu case toda Europa, Asia, África e América. Australia é o único punto que non tocou, díxonos.
Juan falounos tamén e de como optou por esa vida, insistindo na importancia da formación e da paixón pola túa profesión.
E ensinounos moito máis, desde como funciona o sistema de esclusas do Canal de Panamá, ata as sete vidas do barco A Habana que aparece no muro-mosaico que hai en Portobello xusto debaixo da West-Way, no que el chegou a navegar.