Encontro con Luz Zas: A paisaxe lingüística

Hoxe pasou polas aulas de galego de 3º ESO a investigadora Luz Zas Varela, que nos explicou como altera a paisaxe lingüística dun lugar a chegada de poboación doutros lugares con diferentes linguas.

Para comezar, fíxonos reflexionar sobre a nosa propia paisaxe lingüística, moi rica ao vivir nun contorno multicultural e multilingüístico na cidade de Londres e no propio Cañada Blanch. É incrible a cantidade de linguas coas que o noso alumnado está en contacto acotío, que eles mesmos nos desvelaron!

Luz aproveitou para presentarnos algún dos proxectos cos que estuda a conciencia metalingüística do alumnado de Secundaria en certos concellos galegos en expansión demográfica. En particular falounos do caso de Arteixo, onde hai un multilingüismo moi interesante por mor do poder de atracción do polígono industrial, que conta coa sede dunha empresa global como Inditex e polo tanto conta cunha presenza moi importante de inmigrantes, especialmente marroquís.

Estívonos a falar da investigación participativa que desenvolve o seu equipo de investigación da Universidade de Santiago* co alumnado do IES Manuel Murguía, a quen ben coñecemos, e con profesores tamén amigos: Begoña Campos, Teresa Seara e Miguel Gómez. Chámase “GrafiTIC a nosa paisaxe lingüística. Graffiteamos o polígono”.

Os alumnos fan un traballo de campo usando unha ferramenta de xeolocalización TIC-TAC-TEP** denominada MAVEL. Con ela xeolocalizan as linguas que aparecen na paisaxe do contorno do instituto e do centro de Arteixo (os carteis, os anuncios, as mensaxes escritas no espazo público, os topónimos dos indicadores, os nomes dos comercios…) e contrástano coa paisaxe lingüística da memoria e da toponimia tradicional desas áreas. Así, a través da tecnoloxía, o alumnado reflexiona sobre o seu propio medio e sobre a diversidade lingüística. E así, repasando algún dos exemplos descubertos por eles tamén nós nos decatamos de como tamén foi mudando co tempo a nosa paisaxe en Londres e mais nas nosas cidades de orixe.

Como acción derivada deste proxecto o estudantado de Arteixo realizou ademais, en colaboración co concello, unha petición para que as aplicación de Google normalicen o topónimo de Arteixo (en lugar de Arteijo). Mágoa que non pediran tamén que respecten o nome galego dos seus Orense, Sangenjo, Puenteareas, La Coruña, Ginzo de Limia, Villanueva de Arosa, Vivero o Puentecesures! Esta pequena acción é unha mostra máis de como se aprende e como se mudan actitudes facendo.

*Luz Zas Varela é profesora de Lingüística Xeral na Facultade de Filoloxía e na de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigadora, os seus intereses están vinculados á Sociolingüística e á Educación lingüística crítica. O proxecto de investigación I+D+I que desenvolve o equipo do que forma parte chámase “Superdiversidade lingüística en áreas periurbanas. Análise escalar de procesos sociolingüïsticos e desenvolvemento da conciencia metalingüística en aulas multilingües”.

**TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), TAC (Tecnoloxías da Aprendizaxe e do Coñecemento), TEP (Tecnoloxías para o Empoderamento e a Participación)

Deixa un comentario

*