Comezamos a semana logo do half term cunha boísima nova: un novo premio para o noso alumnado de galego.
Como xa vos contamos nun post anterior, este ano colaboramos no Proxecto das Letras Galegas 2016 que impulsa o IES San Clemente de Santiago, facendo traballos comúns con outros centros europeos a través da plataforma eTwinning . Unha das actividades propostas foi a elaboración de marcapáxinas sobre Manuel María. Pois ben, vimos de saber que un dos nosos levou o 3º premio, acadado entre os 117 participantes de 11 escolas de toda Europa. Neste enlace pódense ver todos os premiados e aquí o fallo do xurado.
O noso marcapáxinas premiado é un traballo de Alejandro Lema e de Sara Freitas, os dous alumnos de galego de 1º ESO e recrea o ‘Bando do alcalde’ de Manuel María.
E velaquí os outros marcapáxinas que presentamos ao concurso. Este versiona ‘O manual do señorito’ e ilustrouno Álex Escamilla, de 6º de Primaria.
Esta é a visión do poema ‘O lar’ de Daniel Lara, de 5º de Primaria.
E, finalmente, ‘A fala’, un poema debuxado e interpretado por Juan Casal, de 5º Primaria, e por Aine Durán, de 3º.