O barco Habana do mosaico de Portobello

A visita do mariño mercante Juan Jurjo ás aulas de galego do IE Cañada Blanch revelounos a relación do mural-mosaico que hai en Portobello debaixo da West Way con Galicia.

A carón de varios postos da feira que se monta en Portobello cada venres e sábado, sobre a parede da ponte do ferrocarril inaugurouse no 2006 un mural que honra aos ingleses que se uniron ás Brigadas Internacionais en defensa da República durante a guerra civil española e que acolleron no barrio de Kensington a moitos refuxiados españois que fuxían da guerra e da barbarie.

mural-non-pasaran-2

Mais tamén se ve un barco, o Habana. Habana non foi o seu primeiro nome. Este barco comezou a súa singradura co nome do rei Afonso XIII e á súa botadura en 1920 acudiu o propio rei. No seu momento foi o buque trasatlántico máis grande construído en España e cubría a liña americana que ía da Coruña a Nova York, Cuba e México. Facía a viaxe en sete días e mesmo había pola cidade propaganda que che garantía que podías ir á misa un domingo na Coruña e cumprir co precepto para o seguinte en América.

habana-afonso XIII-palloza

No ano 1931, coa chegada da República, mudáronse os nomes dos barcos relacionados coa monarquía, e o Afonso XIII pasou a chamarse Habana. No 37, durante a Guerra, tras o bombardeo de Bilbao, o Goberno Vasco deseñou un plan de evacuación da poboación civil e o buque foi utilizado para evacuar a numerosos republicanos, entre eles case 4000 cativos, os coñecidos como os “Nenos vascos”. O mural de Portobello amosa o destino destes refuxiados, que embarcaron en Santurtzi e foron trasladados a Southampton e desde alí a Kensington, en Londres.

mural-non-pasaran-barco-habana

O Habana faría outras expedicións de evacuación da poboación civil, tamén a Francia. Rematada a guerra o barco volve de novo á liña de pasaxeiros americana, logo úsase como buque de carga e finalmente transfórmase nun buque mixto de carga e pasaxe.

En 1960, xa vello e pouco rendible, o Habana amarrouse no porto de Vigo coa idea de desguazalo. Mais resulta que aínda lle estaba reservada unha nova proeza ao se converter no primeiro buque-factoría de Pescanova e revolucionar a pesca. O vello trasatlántico Habana reconstruíuse nos asteleiros de Bazán en Ferrol. Pescanova deulle un novo nome, o Galicia, novas cores -gris e verde claro- e pintoulle a súa insignia na cheminea. Zarpou de Vigo en 1964 rumbo a Sudáfrica con 240 tripulantes, para procesar e conxelar o  peixe que pescaban outros pesqueiros da compañía. Tamén estivo destinado nos caladoiros do Sáhara: moito era o polbo que alí se preparaba para a venda directa en Xapón, e de feito uns 20 ou 30 deses tripulantes eran xaponeses.

barco galicia-pescanova

O Galicia foi desguazado en Vigo no 1975 no que sería o final da vida deste fermoso barco retratado en Portobello.

E o noso amigo Juan Jurjo navegou nel.

 

 

 

Deixa un comentario

*