Atrévete con Londres: Portobello

En dúas semanas recibimos en Londres aos nosos amigos do CPI Camiño de Santiago de Arca, así que o alumnado de 3º e 4º da ESO estivo a preparar uns vídeos cunhas suxestións do que non deben perder na cidade. O noso cole está en Portobello, así que o noso barrio ben merece unha visita. Preparados para unha visita con Lucas, Andrea e Ánxeles?

Isaac Xubín fálanos de poesía, linguas e rugby

Onte recibimos con grande alegría no Cañada a Isaac Xubín. Isaac dedícase profesionalmente á tradución, pero é sobre todo un recoñecido poeta e narrador, que vén de publicar hai pouco a novela ‘Non hai outro camiño’.

Isaac falounos da súa traxectoria e da súa busca da identidade, nun longo camiño persoal que comezou en Bilbao e foi recalando en Espinosa, en

Ler máis…Isaac Xubín fálanos de poesía, linguas e rugby

Cooperamos?

Este último venres antes do half term acompañounos nas aulas de galego de 1º ESO a profesora de Economía da Universidade de Santiago de Compostela Marta Vázquez Suárez. Marta formuloulles unha pregunta moi sinxela para empezar: “Queredes gañar cartos?”. A partir deste incipit e a través dun xogo no que os protagonistas foron os rapaces, Marta introduciu nas clases conceptos como a cooperación, a competencia, a confianza, a estratexia, a negociación… aplicados ao mundo da economía e da empresa.

Anik Nandi visita o Cañada

Hoxe á hora de xantar recibimos ao sociolingüista Anik Nandi no Cañada Blanch. Anik presentoulle a Maribel Martínez, a directora do centro, o proxecto de investigación que ten entre mans, sobre as motivacións que subxacen ao mantemento da lingua na diáspora, pero tamén tivo tempo para conversar con varios dos rapaces que estudan galego no comedor. A todos eles lles sorprendeu que un indio de Calcuta falase tan ben o galego, pero é que os galegos ‘nacemos’ onde queremos, e non hai dúbida de que Anik é un dos nosos. Como el di, naceu bengalí, pero agora é tamén bengalego.

Anik Nandi sabe moito da transmisión interxeracional da lingua, e de feito é doutor pola Universidade de Edimburgo tras a lectura dunha tese sobre iso. Como nos prometeu, agardámolo nas nosas aulas para que nos fale sobre este asunto en Galicia, en Londres e, por suposto, na súa India, onde o bengalí, malia a ser un idioma falado por máis de 260 millóns de persoas, é unha lingua minorizada.

Skype co IES de Adormideiras

Hoxe fixemos un skype cos nosos amigos do IES de Adormideiras. O alumnado de 3º e 4º da ESO de Galego en Londres practicou así o seu galego, e a rapazada da Coruña puido empregar o seu inglés e escoitalo da boca dos nosos. En xuño sempre visitan Londres, así que agardámolos por aquí pronto. Mentres, seguiremos a argallar actividades con eles.

Obradoiro de poesía con Diana Varela Puñal

O venres tivemos unha visita moi especial no Cañada. A poeta galega de Corme Diana Varela Puñal veu ás clases de galego de 1º ESO. Diana é gañadora de múltiples premios literarios, tanto no eido da poesía coma no teatro, e é frecuente colaboradora de varios xornais galegos, aínda que profesionalmente dedícase á avogacía nun bufete da Coruña.

Todos xuntos protagonizamos unha sesión de poesía na que escoitamos, interpretamos, recitamos algúns poemas clásicos da literatura galega, como Negra sombra de Rosalía, e outras composicións da propia Diana, como Os amantes de Monbósc, Quixote contra o delirio ou O emigrante.

Pero o máis divertido foi que creamos un poema colectivo

Ler máis…Obradoiro de poesía con Diana Varela Puñal

De Portobello a Adormideiras I – Eu son

Este ano comezamos un ilusionante proxecto de intercambio lingüístico con rapaces do IES Adormideras da Coruña. Eles, xunto co seu profesor Ramón Iglesias, vannos propoñer retos en galego e en inglés, e viceversa. Nós estaremos do outro lado do correo, da web e do Skype para responder e propoñer.

Querédesnos coñecer? Comezamos o post cun vídeo no que o alumnado de 1º ESO do IE Cañada Blanch se presenta. (Fáltanos Eduardo, pero seguro que vos saúda outro día!).

E tamén queremos saber dos nosos amigos, así que témoslles preparadas unhas preguntiñas.

 

A vida é música… e teatro… e cine… con Brais Breijo

Esta semana visitounos Brais Breijo, tenor no coro da Orquestra Sinfónica de Londres, coa que leva cantado en sedes tan míticas como o Lincoln Center de Nova York.

Pero Brais dedicouse tamén ao teatro e ao cine, así que falounos das súas experiencias como actor en series da televisión como Matalobos ou Pazo de Familia, da súa formación teatral en Casa Hamlet

Ler máis…A vida é música… e teatro… e cine… con Brais Breijo

Entrevista a Xaquín Núñez Sabarís

Aproveitando a visita de Xaquín Núñez ao IE Cañada Blanch, Paloma, alumna de galego de 3º ESO, entrevistouno e soubo dalgúns dos misterios de ser profesor. Velaquí o vídeo entrevista que lle fixo coa axuda técnica de Juanes, alumno tamén de terceiro.

O norte e o sur do Miño, con Xaquín Núñez Sabarís

Xaquín Núñez Sabarís, profesor de Literatura Española da Universidade do Minho, en Portugal, vén de visitarnos esta semana no IE Cañada Blanch. No seu encontro co alumnado de galego 3º e 4º da ESO falounos da súa terra, na provincia de Pontevedra, e do norte de Portugal. Dúas terras vinculadas ao río Miño e arredor das que se xestou unha cultura con moitos puntos de encontro.

Xaquín faloulles tamén das linguas, do galego, do español, do portugués e do seu contacto coa cultura brasileira. Grazas/obrigado por acompañarnos!

O galego en Croydon

O alumnado de 4º ESO do IE Cañada Blanch estivo visitando o centro inglés Whitgift School de Croydon. Alí presentaron a nosa escola, valorando un dos seus sinais de identidade, o multilingüismo, e, como non, o galego como unha das linguas do seu currículo.  

O Mannequin Challenge no Cañada | Primaria

Algúns dos cativos de 3º, 4º e 5º de Primaria, que asisten a clases de galego como extraescolar, tamén quixeron facer o seu particular mannequin challenge, así que andaron a buscar material e chegaron á clase cun mapa de Galicia, o texto do himno, láminas de vocabulario, cómics dos Bolechas e de Asterix, unha pandeireta e ata unha camiseta de ‘E logo!’. Ganas non lles faltaban 🙂

Entrevista a sete a Antón Baleato Lizancos

Tras a charla do astrofísico Antón Baleato Lizancos, foron moitos os alumnos de galego de 2º ESO que, interesados polo tema quixeron entrevistar ao noso convidado. Ante tanta paixón, decidimos realizar unha entrevista a sete. E puideron ser máis, de non o impedir a vergoña 🙂

Que luxo terte connosco, Antón!

Un universo en evolución, con Antón Baleato Lizancos

O astrofísico Antón Baleato Lizancos vén de visitarnos no IE Cañada Blanch. Foi unha visita moi especial á que fora a súa casa e a da súa nai Laura, pois hai algúns anos el pasou por aquí como alumno e ela como profesora. En plena adolescencia marchou a Vancouver cunha bolsa e despois a Nova York, á Universidade de Columbia. Agora está a cursar Física Teórica na Universidade de Cambridge.

O alumnado de galego de 2º ESO tivo a ocasión de oír de primeira man explicación sobre a orixe e evolución do universo e das estrelas: protóns, bossoms, quarks, supernovas, o bigbán, a teoría de cordas, a expansión do universo… 


Isto é todo, amigos! Bo verán!

Acabamos un novo curso no IE Cañada Blanch de Londres, intenso e cheo de actividades e de emocións, e tras o traballo ben feito por parte do alumnado de Galego en Londres e de todos os amigos que colaboraron connosco, marchamos de vacacións. Despedímonos como máis nos gusta, con música e con festa nas nosas aulas. Ata setembro, amigos!

 

O actor Avelino González tráenos a mellor narración oral galega a Londres

Este venres vimos de ter no noso centro a Avelino González, un dos máis coñecidos actores galegos grazas ao seu paso por múltiples series de televisión da TVG e ao seu traballo como actor, director e tradutor de teatro. Na actualidade encarna o personaxe de Marcelino na serie  ‘Seis hermanas’ da TVE.

Ler máis…O actor Avelino González tráenos a mellor narración oral galega a Londres

Conexión Londres-Rianxo 2016

Un ano máis, un grupiño de alumnos de 2º ESO que estudan galego no IE Cañada Blanch de Londres e outro do IES Félix Muriel de Rianxo que colaboran co seu Ednl fixeron unha conexión por videoconferencia para se coñeceren e falaren dos seus intereses. Repasamos os mellores lugares e lembranzas de Galicia e de Londres, intercambiamos gustos e … Ler máis…

Letras Galegas 2016: o ‘Bando da clase’

Achégase o Día das Letras Galegas e un grupo de alumnos de galego do IE Cañada Blanch quixeron facerlle unha homenaxe moi especial a Manuel María adaptando o seu ‘Bando do alcalde‘, un dos seus poemas máis reivindicativos, aos tempos modernos. Velaquí o noso ‘Bando da clase‘.  

Crítica musical na ruta 66 con José Luís Fernández

portada ruta66-iggy pop
Entrevista a Iggy Pop de José Luís Fernández

José Luís Fernández é un londoner galego experto en crítica musical e asiduo entrevistador de estrelas para a revista Ruta 66. Agora vén de pasar polas aulas do IE Cañada Blanch para falar sobre música co alumnado de galego e para compartir connosco algunhas das súas anécdotas nos encontros cos famosos, como Tom Jones ou Iggy Pop.

Foi un encontro moi especial, cun gran protagonismo do alumnado e no que puidemos gozar cunha fantástica canción de Ed Sheeran cantada e tocada pola alumna de 3º ESO Ángeles Lema, á que posteriormente os compañeiros e o propio José Luís entrevistaron como se fora un traballo profesional.

Enriba tedes a crónica e a entrevista a Ángeles e aquí embaixo a entrevista que posteriormente Ángeles lle fixo a José Luís.

 

Viaxe da lingua 2016

Xa estamos de regreso da “Viaxe da Lingua”, que nos levou aos alumnos de galego do IE Cañada Blanch de Londres un ano máis ata Galicia. A semana foi completa, chea de actividades culturais e de lecer. Fixemos un cacho do camiño de Santiago con outros alumnos do CPI Camiño de Santiago de Arca, coñecemos os rapaces do obradoiro para o emprego da Fundación Paideia, visitamos a ría de Arousa, as dunas de Corrubedo e o castro de Baroña, vimos como funciona o órgano do Mosteiro de San Salvador de Celanova, onde nos recibiu o mesmísimo alcalde e nos guiou toda a mañá Paula Conde, da Fundación Curros Enríquez, paseamos baixo os arcos da praia das Catedrais e sobre a muralla de Lugo, e achegámonos ao poeta homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas visitando a Casa Museo Manuel María. Por non falarmos das festas da Ascensión, dos baños nas termas de Outariz, da cita co baloncesto no partido do Obradoiro -onde ata nos saudaron por megafonía- ou dos nosos propios partidos de fútbol e baloncesto no parque de Bonaval e nas canchas de La Salle.
Esta viaxe contou coa colaboración de varias institucións e empresas que están fondamente comprometidas co proxecto Galego en Londres, algunhas desde Galicia e outras desde a comunidade galega de Londres. Grazas de corazón polo seu apoio á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Secretaría Xeral de Emigración, á Fundación Paideia, a Gadis, á Galicia Laundry, ao Restaurante La Bodega e ao Restaurante Galicia de Portobello, e a Vojo. Sen vós esta viaxe non sería posible.
Deixámosvos co vídeo da nosa excursión.
E aquí a cobertura na prensa do noso periplo:

‘Como animar personaxes coa Kinect’ con Javier Martín

Onte tivemos nas aulas de galego do IE Cañada Blanch a Javier Martín, un londoner galego de Tui experto en deseño 3D que traballa especialmente en publicidade. Podedes ver o seu traballo na web RunHarry. Nas nosas aulas Javier ensinounos cunha simple Kinect da Xbox e un programa gratuíto que se pode descargar de Internet como facer animación de personaxes. Deste xeito pasaron polas nosas aulas Ironman, a Masa, os Minion, ou o propio Elvis Presley, reproducindo os movementos que facían os alumnos. Que risa!

E velaquí a entrevista que lle fixo Mateo:

 

Imos para Arca (7)

De bichos e demais parentes é o título deste vídeo no que o alumnado de Londres e de Arca nos comenta a súa paixón polos animais. Iso si, as mascotas da cidade non se achegan nin de lonxe á exuberancia de cabalos, gatos, cans, cadelas e galiñas inglesas que forman parte da cotidianeidade de Arca.

Imos para Arca (6)

Videoxogos de “mundo aberto”, youtubers e videobloggers, mais tamén a música, desde a clásica á pop, ocupan o tempo da rapazada de hoxe en día, o mesmo nunha pequena vila galega ca na gran metrólope londinense. Mirade como nolo explican.

Imos para Arca (3)

Claro que hai vida alén do fútbol. Velaquí a incrible e interminable lista de deportes diferentes que practica con gran pericia moita da rapazada de Arca e Londres. Só citalos e comezas a suar. Velaquí o terceiro vídeo desta serie.

Imos para Arca (2)

Fútbol, moito fútbol… O Dépor, o Celta, a carón doutros clubs do mundo enchen o corazón de moitos dos rapaces de Londres e de Arca, pero hai un que vincula especialmente á comunidade galega de Londres: o Deportivo Galicia.  

Imos para Arca (1)

Está a chegar o día da Viaxe da lingua deste curso 2015-2016. Do 3 ao 8 de maio andaremos por Galicia coñecendo lugares novos e enchoupándonos da nosa cultura. Pero ademais imos ter que practicar, e moito, o galego. A primeira parada farémola en Pedrouzo, en Arca. Alí atoparémonos cos rapaces do CPI Camiño de … Ler máis…