Pere Tobaruela: un camiño de palabras de Andalucía a Barcelona e de alí a Galicia

Retomamos a actividade tras as vacacións de Pascua lembrando un dos últimos encontros nas clases de galego do IE Cañada Blanch. O alumnado de 2º ESO conversou con Pere Tobaruela, exitoso escritor en galego, castelán e catalán, que nos explicou como a vida o foi levando de Andalucía, de onde é orixinaria a súa familia, a Barcelona, onde naceu e medrou, e finalmente a Galicia, a onde se trasladou por amor e onde reside desde hai anos no concello de Rois.

Autor de máis de corenta obras literarias, falounos de como acabou dedicándose á literatura, pero sobre todo da súa relación coas linguas, da materna castelán, que falaban os pais, ao catalán que aprendeu en sociedade en Cataluña, e da súa lingua relacional e literaria actual, o galego. Porque as linguas son moito máis ca linguas, explicounos Pere. Son chaves, que no seu caso lle abriron o corazón da xente, as portas das culturas e maneiras de ver o mundo de diversas sociedades, e no caso do galego, tamén a inesperada porta da lusofonía.

Agradecémoslle a Pere a súa visita e sobre todo o seu bo humor, que fixo que amais de aprendermos pasaramos un bo anaco falando e rindo en galego.

 

Deixa un comentario

*