Participamos na campaña da Xunta para despedir o Pergamiño Vindel




Por iniciativa das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, os centros de estudo do galego no exterior póñenlle o ramo á programación conmemorativa da estadía do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia con esta peza audiovisual na que o alumnado de galego recita as cantigas de Martín Códax en galego e na súa propia, no noso caso o inglés. O Instituto Español Cañada Blanch de Londres colaborou neste recitados co CEG de Budapest, CEG de Cork, CEG de Deusto, CEG de Kiel, CEG de Roma, CEG de Río de Xaneiro, CEG de Vitoria e CEG de Barcelona.

O Pergamiño Vindel é unha das grandes xoias do patrimonio literario galego. Trátase dun manuscrito do século XIV que recolle as sete cantigas musicadas do trobador Martín Códax, as únicas do cancioneiro profano das que se conserva a notación musical. Lamentablemente, este pergamiño non se custodia en Galicia, o seu berce, senón que é propiedade da Morgan Library de Nova York, que llo entregou en préstamo á Universidade de Vigo por uns meses e que este luns pon fin á súa estadía en Galicia.

Recitando estas cantigas de amigo que xurdiron do maxín de Martín Códax no século XIII, o alumnado de galego de Londres achegouse a estes famosos textos nos que unha moza agarda polo seu «amigo» -o seu namorado- e apela con frecuencia ás ondas do mar de Vigo.

 

Deixa un comentario

*