No IE Cañada Blanch vimos de recibir con grande alegría a nova de que recibimos un dos premios no concurso de fotografía Boina de Ouro. Trátase dunha actividade creada polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces para promover o uso da boina como accesorio de moda vangardista e revitalizar e modernizar as nosas tradicións, amais de impulsar o uso da lingua galega no mundo da moda. Esta iniciativa tivo grande eco nos medios, e mesmo puidemos gozar do Boina style no Luar da TVG.
Baixo o lema “Modernízate, pon boina”, no concurso establecíanse dúas categorías: “Boina de Ouro” e “Boina da Simpatía”. Pois ben, o premio Boina da Simpatía levámolo nesta primeira edición no proxecto Galego en Londres. Desde as aulas de galego do IE Cañada Blanch desenvolvemos un obradoiro de fotografía coa fotógrafa londoner galega Antonia Peña, e presentamos dezaseis fotos ao concurso. Unha delas, a foto realizada por Ángeles Lema -alumna de 3º ESO- doutra alumna de galego de 1º da ESO, Sara da Mota Freitas, na que Sara está choutando nunha actitude de grande alegría, cunha boina decorada por ela mesma, é a que suscitou máis simpatía entre os membros do xurado e gañou o galardón nesta categoría.
O xurado estivo formado por Elena Ferro, a zoqueira de Merza, Celso, de Fotografia Bernabé, Olaia Vázquez, alumna da Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo, Vicente Amosa, María Seijo, e Séchu Sende, coordenador do Clube da Língua do IES Marco do Camballón.
O premio que recibiremos é unha boina deseñada e feita á man para a ocasión pola artesá compostelá Sandra Vilas.
Dámoslle tamén desde Londres os parabéns ao fotógrafo José Goris, da Bandeira, que gañou na categoría Boina de ouro, pola súa gran fotografía.


A prensa faise eco dos premios:
- José Gorís e Galego en Londres, premios Boina de Ouro e Boina Simpatía do IES Marco do Camballón. La Voz de Galicia (13/04/2016)
- Galego en Londres e José Goris, premios do Clube da Lingua. Fotos da noticia. Faro de Vigo (12/04/2016)
- O colectivo ‘Galego en Londres’ e o fotógrafo José Gorís, premios ‘Boina de Ouro’ 2016. Sermos Galiza (12/04/2016)
- ‘Galego en Londres’ e José Goris, prémios Boina de Ouro 2016. Diario liberdade (11/04/2016)