Premio da Cultura Galega para Galego en Londres

Hoxe é un día feliz na área de Galego do Cañada Blanch.

Acabamos de recibir un premio moito máis grande do que nunca soñamos, o Premio da Cultura Galega en Proxección Exterior ?. Son uns premios que destacan a excelencia creativa e o labor de difusión cultural de persoas e institucións en varios eidos. Galego en Londres está a recibir o premio na categoría de Proxección cultural no exterior ?. Facémolo a carón doutros galardoados de moita categoría: Xesús Alonso Montero en Letras, Soledad Penalta en Artes Plásticas, a compañía Monicreques de Kukas en Artes Escénicas, o cantautor Amancio Prada en Música, a serie de Neflix O sabor das margaridas en Audiovisual, a profesora Pilar Ponte (a benquerida e incansable activista a prol da lingua coñecida como aprofa) en Lingua, e a Fundación Barrié pola restauración do Pórtico da Gloria. Vaia, case nada!

O premio outorgado recoñece no proxecto Galego en Londres a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Aquí en Portobello recibimos a noticia con abraio e con moitísima ledicia, porque tanto recoñecemento nunca entrou sequera no terreo do soñado. Pero hai aínda un sentimento maior, que é o da gratitude. A construción de calquera empresa que pague a pena e que se manteña no tempo nunca é cousa dunha persoa, senón de moitas e isto aplica tamén na nosa. Así que o triunfo é compartido: detrás de Galego en Londres estivo varios anos o anterior profe de galego, Xaime Varela, que foi quen tivo a fabulosa intuición de que había que abrir as aulas de galego ao mundo e creou a marca. Estou ben certa que nunca pensou daquela nin que ía durar nin que ía medrar tanto! Cun novo e necesario enfoque, seguía unha saga doutros incribles profesores de galego que cada un ao seu xeito fomentou o orgullo polo propio e axudou a cohesionar a nosa comunidade: Carmen Suárez, Ramiro Fonte, Álvaro Varela Suances-Carpegna e Teresa Fandiño. Agora xa van 30 anos de ensino de galego no Cañada, e eu xa estou a piques de culminar os meus cinco anos en Londres á fronte da área de galego do cole. Mais sei que o novo profe que chegue o ano que vén lle dará continuidade a este proxecto outros cinco máis, e logo o seguinte outros cinco, coas mesmas actividades ou con outras diferentes, pero conservando o espírito: converter o galego en algo emocionante.

Pero, sobre todo, a gratitude é cara aos alumnos de galego, que participan e se entusiasman con todos as propostas que se lle fan nas clases e que son a verdadeira e última razón de todo o que facemos! ♥

Tamén están todos os londoners cómplices do proxecto que acoden altruistamente aos Encontros no Cañada, e entran nas nosas aulas ensinarlles aos rapaces unha mostra do mellor que ten Galicia no humano e no intelectual. Moitos son profesionais altisimamente cualificados e outros grandísimos artistas de paso pola cidade. A lista é xa inmensa. A todos eles correspóndelles tamén un cachiño deste premio.

Grazas finalmente ao xurado por fixarse no traballo feito con tanta dedicación e paixón desde a nosa escola para contribuír á difusión, dignidade, prestixio, vitalidade e futuro da nosa xente e da nosa lingua e cultura!

Hoxe estou feliz por min, por nós e polo pulo que este premio lle dá ao traballo que se realiza desde este recunchiño do IE Cañada Blanch.

Xurado dos Premios da Cultura Galega 2019. Presídeo o conselleiro de Cultura e está composto por representantes do Consello da Cultura Galega, das universidades galegas, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Políticas Culturais e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura.

Deixa un comentario

*