Poesía no Cañada con Yolanda Castaño

Yolanda Castaño está de xira polo Reino Unido e unha das súas paradas foi o Cañada Blanch. Que luxo para o alumnado de galego da escola poderse achegar á poesía con ela! ? Falounos da internacionalización da literatura galega -ela, unha das poetas máis internacionais que temos-, ? creamos xuntos un poema colectivo ?️ e, o máis emocionante, escoitámola recitar.

Yolanda é unha magnífica poeta, con numerosas publicacións en moitos idiomas, e ademais unha activa xestora cultural. Dirixe festivais, obradoiros literarios, ciclos poéticos como «Poetas Di(n)versos» , que axunta os máis prestixiosos autores internacionais, etc. Amais diso, é ben coñecida pola xeneralidade dos galegos por mor do seu paso polo emblemático espazo da TVG «Cifras e letras».

Convidámosvos tamén a acompañar a Yolanda na presentación en Londres do seu primeiro libro en inglés, «Second tongue», organizada pola súa editora, Shearsman Books. Será este mércores ás 7.30pm no Swedenborg Hall, no literario barrio de Bloomsbury.

Portosanto, o enigma de Colón: Encontro con Rodrigo Costoya

Hoxe recibimos no Cañada o escritor Rodrigo Costoya, que nos falou do enigma histórico arredor do que xira a súa novela “Portosanto“.

Por que os textos que escribiu Cristovo Colón teñen claros xiros galego-portugueses e nunca xenoveses ou italianos? Por que Pontevedra é o único lugar do mundo onde existe o apelido Colón? Por que na nosa tradición oral se sostén que o descubridor de América nacera en Portosanto? Por que Colón lle puxo a moitos lugares das Antillas nomes da ría de Pontevedra? Por que orixinariamente a nao Santa María se coñecía co nome de La Gallega? ? A ver se é que Colón era galego!

Sexa certo ou non, o certo é que pasamos un bo anaco escoitando as historias que nos contou Rodrigo e conversando con el, e espertounos ganas de ler a súa novela.