Velaí vai a derradeira. Despois destas voltas e reviravoltas polas silveiras da beira do Támesis toca desencerellarse, poñer o alboroque e regresar a Galicia. Foron cinco anos moi intensos traballando como profesor de galego dende o IE Cañada Blanch; cinco anos tentando saltar os muros do que fora un convento para facer visible a nosa cultura nesta cidade, presumir dela e da nosa xente.
Daquela corresponde agora agradecer a quen me permitiu esta marabillosa experiencia. En primeiro lugar, á Consellaría de Educación e Cultura e o MECD así como ás/aos compañeiras/os que creron no proxecto. E logo á numerosísima comunidade galega de Londres, á de antes e á de agora: sen a vosa colaboración sempre altruísta e xenerosa este proxecto carecería da emoción necesaria. Sabedes que no regreso á nosa Itaca seguirei enarborando a bandeira do voso compromiso e talento aínda en Londres.
E, por último, pedirvos que manteñades o mesmo apoio para a persoa que continuará co proxecto en setembro e, por suposto, sempre Galego En Londres. Foi un auténtico pracer. Un privilexio enorme. Vémonos noutra. Grazas.