Viaxe da lingua 2017 – Día 1

Un ano máis a área de galego remata o curso coa actividade máis agardada do ano, a Viaxe a Galicia. Este ano serán catro días de aprendizaxe e emocións, nos que percorreremos boa parte de Galicia. Comezamos contándovos como foi o…

Día 1

Espectacular o sol que nos recibiu na Coruña.

Alí fixemos unha interesante visita á Real Academia Galega e á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Tamén paseamos pola Cidade Vella, onde vimos a casa de Rosalía e Murguía e os xardíns de San Carlos, coas murallas sobre o mar e a tumba de Sir John Moore.

Aproveitamos para xantar pola Pescadería e deitámonos ao sol nos novos bancos da Marina, disfrutando do porto deportivo e das galerías máis famosas de Galicia. Á tarde, mollamos os pés no Orzán e subimos á Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo.

E antes de marcharmos, puidémonos sentar nas cadeiras do salón de plenos do Pazo de María Pita, onde nos recibiu Xulio Ferreiro, o alcalde da cidade.

 

Deixa un comentario

*