Viaxe da lingua 2018




O alumnado de galego do Cañada Blanch de Londres volveu un ano máis a Galicia, a súa grande ilusión do ano, e coma sempre regresamos a Londres con moita peniña e xa con ganas de que chegue o 2019 para volver gozar duns días de amizade, de festa e de achegamento á nosa xeografía, á nosa lingua e á nosa cultura.

Este ano fixemos amigos en Santiago, no IES Xelmírez II, en colaboración con FalaX2 e da man da Fundación Paideia, que leva varios anos colaborando co proxecto Galego en Londres. Con eles fixemos un obradoiro de ciencia, de papiroflexia, de hóckey, unha xincana, tocamos a pandeireta e bailamos unha muiñeira nas prazas máis fermosas de Compostela.

A S.X. de Política Lingüística e a S.X. de Emigración recibíronnos coma cada ano. Grazas pola acollida! Este ano fixérono na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Alí xogamos nos tellados e esgazamos algún pantalón. Non será porque non nos avisaran! Tamén nos entrevistaron na Radio Galega e saímos no Telexornal da TVG.

Ademais, visitamos Santiago en plenas festas da Ascensión. Que ambiente! Orquestra, noria, concertos, nubes de algodón…

A viaxe serviunos tamén para coñecermos máis da cultura castrexa no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. Fixemos lume con paus e pedras, cazamos con armas prehistóricas e visitamos algúns dos petróglifos máis antigos de Galicia.

En Pontevedra houbo un momento especial: o reencontro con dúas ex-alumnas de galego no Cañada, Minerva e Laura. Houbo moitas apertas e posta ao día. Paseamos xuntos as principais prazas da fermosa zona vella pontevedresa, a basílica da Peregrina, as ruínas góticas do convento de Santo Domingo… e soubemos da súa ostra xigante, do loro Ravachol, do cultivo das camelias grazas a Raquel, a nosa guía do concello de Pontevedra.

Na nosa achega á Costa da Morte témoslle que agradecer a súa axuda á Asociación Cultural Perfecto Sande Martínez “Braña” de Mazaricos. O plan inicial era facer a subida ao Monte Pindo guiados por eles. O mal tempo impedíunolo, pero Domingos González e Juan Jurjo baixaron ao Ézaro para saudarnos. Grazas! Coñecemos a vila mariñeira de Muros, o enorme hórreo de Carnota, a única fervenza de Europa que desemboca no mar e o santuario da Barca de Muxía. Alí vimos relos, ras, estrelas de mar, mexillóns, lapas, caramuxos, caranguexos… Saltaricamos polas pedras, pasamos a pedra dos cadrís e cheiramos o salitre do Atlántico moi preto da fin do mundo.

Tamén vimos outra fervenza, esta de río, a do Toxa. Tamén nos achegamos ao Mosteiro de Carboeiro, un exemplo típico do románico galego. E o mellor, o noso paseo por unha fraga autóctona.

Despedímonos cunha boa churrascada, pero quedamos con fame de máis: así que o ano que vén volvemos, Galicia.

 

Deixa un comentario

*