Viaxe da lingua 2016

Xa estamos de regreso da “Viaxe da Lingua”, que nos levou aos alumnos de galego do IE Cañada Blanch de Londres un ano máis ata Galicia. A semana foi completa, chea de actividades culturais e de lecer. Fixemos un cacho do camiño de Santiago con outros alumnos do CPI Camiño de Santiago de Arca, coñecemos os rapaces do obradoiro para o emprego da Fundación Paideia, visitamos a ría de Arousa, as dunas de Corrubedo e o castro de Baroña, vimos como funciona o órgano do Mosteiro de San Salvador de Celanova, onde nos recibiu o mesmísimo alcalde e nos guiou toda a mañá Paula Conde, da Fundación Curros Enríquez, paseamos baixo os arcos da praia das Catedrais e sobre a muralla de Lugo, e achegámonos ao poeta homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas visitando a Casa Museo Manuel María. Por non falarmos das festas da Ascensión, dos baños nas termas de Outariz, da cita co baloncesto no partido do Obradoiro -onde ata nos saudaron por megafonía- ou dos nosos propios partidos de fútbol e baloncesto no parque de Bonaval e nas canchas de La Salle.
Esta viaxe contou coa colaboración de varias institucións e empresas que están fondamente comprometidas co proxecto Galego en Londres, algunhas desde Galicia e outras desde a comunidade galega de Londres. Grazas de corazón polo seu apoio á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Secretaría Xeral de Emigración, á Fundación Paideia, a Gadis, á Galicia Laundry, ao Restaurante La Bodega e ao Restaurante Galicia de Portobello, e a Vojo. Sen vós esta viaxe non sería posible.
Deixámosvos co vídeo da nosa excursión.
E aquí a cobertura na prensa do noso periplo:

Deixa un comentario

*