O filme documental dirixido por Andrés Goteira é a proposta deste mes de xuño no #CicloMestreMateo.
“Igor NON quere atracar unha xoiería. Igor NON está obsesionado coas mans. Igor NON é fan do director Nicolas Winding Refn. Igor NON viste xerseis de nadal. Igor NON é Igor (e isto NON é un falso documental), é unha longametraxe que inicia unha viaxe a Los Ángeles para coñecer ao director Nicolas Winding Refn e, ó non atopar o seu rumbo, camiña cara o interior do seu protagonista percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe. Un documental experimental construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real”.
Así nos presentan este ‘Welcome to ma maison’ o filme co que volve á dirección Andrés Goteira despois do éxito colleitado pola súa ópera prima Dhogs. Neste caso, un documental que é unha viaxe real e ficcionada do actor Igor Fernández, quen, despois dunha crise, decide abandonar a interpretación para dedicarse á investigación cinematográfica. O seu proxecto de estudo da linguaxe das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn, lévao a intentar coñecer en persoa o cineasta danés, para poder escribir o capítulo final da súa investigación.
A película, producida por Gaitafilmes en colaboración con Mordisco films, parte dun guión co-escrito por Igor Fernández e Andrés Goteira, quen tamén foi responsable da montaxe. A dirección de fotografía correu a cargo de Lucía C. Pan. Estreada na 59ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixón, ‘Welcome to ma maison’ tamén pasou por festivais como Play Doc e foi finalista na categoría de Mellor Documental nos XX Mestre Mateo.