Sensacións

Unha compañeira creou un blogue a propósito do Día Europeo das Linguas 2010 e pediume que redactara as miñas sensacións tocante a esta aventura de ensinar galego en Londres. Amais no devandito blogue, tamén volas deixo aquí:
Chus Pato, punto de referencia na escrita galega contemporánea, sinala sen arroubo a Londres como a capital de Galicia. O clima. O ceo e a forma das nubes. O ritmo da cidade. E claro está, Portobello. Anos 60. Milleiros de mans galegas abandonan o país. Mulleres. Parellas, mellor sen fillos. E a limpar. Ou a coser, como Aurelia, a raíña da costura de Sloane Street. Cada vez que vexo as Singer nos escaparates de Spitafields-All Saints en Portobello Road non fago máis que pensar nas costureiras galegas. Coas máquinas na cabeza. Co futuro na cabeza. E tanto é así que disque as galegas e os galegos levamos todo na cabeza. Un mundo. E tamén a dignidade. E a lingua coa que lles seguiron contando ás súas fillas e fillos historias dun país encantado mergullado arestora na néboa. Historias de naufraxios na Costa da Morte, de loiras lumias na Terra de Montes e de tesouros ocultos nas profundidas castrexas do Deza. E a historia de Tagen Ata.
E así no 2010, nesta biodiversidade babélica que é Londres, emerxe aínda vizoso un carballo centenario, secular, fendido por un lostrego de verán, pero coa forza da cerna intacta. Esa forza aliméntase do alumnado que cada ano se afana por coñecer a lingua e a cultura galega no IE Vicente Cañada Blanch de Londres onde a biodiversidade lingüística é a súa trabe de ouro. O plurilingüismo. As oliveiras, as sobreiras, os piñeiros, as araucarias… e os carballos.
E desta volta, habemos de continuar a senda do máxico: meigas, web2.0, lurpias, podcasts, trasnos, photobooks, lobishomes, blogues, alicornios, wikis, mecos, escritorios virtuais, apalpadores e facebook.

Daquela dádelle volume ao aparato, debuxade un sorriso nos beizos e non perdamos a esperanza mentres manaciais como Laura ou Sonia reguen a carballeira:

Deixa un comentario

*