Quen somos Troula

Quen somos

Ola!

Somos un feixe de familias galegofalantes que vivimos en Londres e que lles queremos dar aos nosos cativos a oportunidade de xogar, aprender e socializar en galego con outros pequenos.

A través do grupo de Facebook Galegos Morriñentos en Londres puxémonos en contacto en setembro do 2015. Compartimos inquedanzas, ideas e moita enerxía, das que xurdiu Troula, este “playgroup” galego co que estamos tan ilusionados como comprometidos.

Dende aquela xuntámonos no centro de Londres pola mañá o segundo domingo de cada mes. Mentres os pais están de leria os nenos pásano pipa participando en actividades nas que os xogos, a música e os contos teñen un papel central.

Romaría en Hyde Park
Nunha romaría en Hyde Park

Nas nosas xuntanzas adoitan participar arredor de 15 nenos multilingües de idades comprendidas entre os 18 meses e os 6 anos.

Organizámolo todo os pais de maneira voluntaria e sen ánimo de lucro e polo de agora non contamos con ningún tipo de axuda financeira. Actualmente as familias interesadas pagamos £5 ao mes para garantir a continuidade de Troula cubrindo os gastos mínimos. Pero temos moitas ideas e gañas de desenvolver actividades e obradoiros máis ambiciosos no futuro.

Iso si, temos a fortuna de contar co apoio de Galego en Londres, que nos axuda con este blog, e da editorial Patas de Peixe, que nos agasallou cunha chea de fermosos libros cos que estimular a imaxinación dos nosos cativos.

Grazas por interesarte en nós!