Crítica musical na ruta 66 con José Luís Fernández

portada ruta66-iggy pop
Entrevista a Iggy Pop de José Luís Fernández

José Luís Fernández é un londoner galego experto en crítica musical e asiduo entrevistador de estrelas para a revista Ruta 66. Agora vén de pasar polas aulas do IE Cañada Blanch para falar sobre música co alumnado de galego e para compartir connosco algunhas das súas anécdotas nos encontros cos famosos, como Tom Jones ou Iggy Pop.

Foi un encontro moi especial, cun gran protagonismo do alumnado e no que puidemos gozar cunha fantástica canción de Ed Sheeran cantada e tocada pola alumna de 3º ESO Ángeles Lema, á que posteriormente os compañeiros e o propio José Luís entrevistaron como se fora un traballo profesional.

Enriba tedes a crónica e a entrevista a Ángeles e aquí embaixo a entrevista que posteriormente Ángeles lle fixo a José Luís.

 




Viaxe da lingua 2016

Xa estamos de regreso da “Viaxe da Lingua”, que nos levou aos alumnos de galego do IE Cañada Blanch de Londres un ano máis ata Galicia. A semana foi completa, chea de actividades culturais e de lecer. Fixemos un cacho do camiño de Santiago con outros alumnos do CPI Camiño de Santiago de Arca, coñecemos os rapaces do obradoiro para o emprego da Fundación Paideia, visitamos a ría de Arousa, as dunas de Corrubedo e o castro de Baroña, vimos como funciona o órgano do Mosteiro de San Salvador de Celanova, onde nos recibiu o mesmísimo alcalde e nos guiou toda a mañá Paula Conde, da Fundación Curros Enríquez, paseamos baixo os arcos da praia das Catedrais e sobre a muralla de Lugo, e achegámonos ao poeta homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas visitando a Casa Museo Manuel María. Por non falarmos das festas da Ascensión, dos baños nas termas de Outariz, da cita co baloncesto no partido do Obradoiro -onde ata nos saudaron por megafonía- ou dos nosos propios partidos de fútbol e baloncesto no parque de Bonaval e nas canchas de La Salle.
Esta viaxe contou coa colaboración de varias institucións e empresas que están fondamente comprometidas co proxecto Galego en Londres, algunhas desde Galicia e outras desde a comunidade galega de Londres. Grazas de corazón polo seu apoio á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Secretaría Xeral de Emigración, á Fundación Paideia, a Gadis, á Galicia Laundry, ao Restaurante La Bodega e ao Restaurante Galicia de Portobello, e a Vojo. Sen vós esta viaxe non sería posible.
Deixámosvos co vídeo da nosa excursión.
E aquí a cobertura na prensa do noso periplo: