O 12 de outubro fálase galego

Hoxe no Cañada Blanch de Londres celebramos a festividade do 12 de outubro. O lema que guía os departamentos de linguas do instituto é “España exporta linguas”. Neste contexto, quixemos que se amosase tamén a presenza do galego fóra da nosa terra, ben pola expansión da lusofonía ou ben pola presenza de amplas comunidades galegas por mor da emigración ou do exilio.

Representamos a presenza da lingua en Londres amosando a vitalidade da comunidade galega na cidade, as súas asociacións, equipos, peñas, actos, festas, locais sociais, representacións, restaurantes… Os rapaces investigaron sobre a historia da emigración galega na cidade, o nacemento do Centro Galego de Londres, a chegada dos galegos a Portobello, a Little Galicia, os nosos restaurantes favoritos, a fundación do Deportivo Galicia London, as peñas do Depor e do Celta na cidade, o Galician Film Forum, a Xove Ópera Galega, Troula,  o Día de Galicia na cidade, as romarías en Hyde Park, os nosos gaiteiros de referencia, as clases de baile e de pandeireta, as redes sociais de Galego en Londres e dos Galegos Morriñentos, en fin, sobre todo o tecido social que nos cohesiona e que é territorio onde o galego é a lingua principal.

Pero tamén estudamos a expansión das linguas de España polo mundo. Non só a do castelán. Tamén a do catalán e a do galego no mundo da lusofonía. E plasmámolo nun mapamundi ben grande na entrada do instituto.

O alumnado de 3º ESO traballa na confección dun mapamundi no que representa a expansión do castelán, do galego e do catalán en diferentes momentos históricos.

Deixa un comentario

*